ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA-Vigo alega na defensa das últimas...

09-05-2018

ADEGA-Vigo alega na defensa das últimas carballeiras da cidade

A delegación de ADEGA en Vigo vén de presentar, xunto coa veciñanza do barrio de Navia, alegacións ante a segunda modificación do plan parcial de ampliación urbanística de San Paio de Navia, plan que supón a eliminación dunha das últimas carballeiras da cidade de Vigo. Esta nova modificación pretende dar luz verde á construción de 1.180 vivendas, case máis do dobre do previsto inicialmente para esta fase, planificada en ausencia dun PXOM actualizado debido á anulación do Plan Xeral do ano 2008.

Esta nova ampliación afecta ás parcelas situadas na rúa da Pedra Seixa e na rúa das Ufas, caracterizadas por seren espazos verdes de gran valor ecolóxico. Estas parcelas presentan masas arbóreas compostas principalmente de carballos (Quercus robur) e loureiros (Laurus nobilis), e albergan numerosas especies de aves como pombo torcaz (Columba palumbus), cirrio (Apus apus), corvo pequeno (Corvus corone), andoriña (Hirundo rustica), carriza (Troglodytes troglodytes), carriza dos xuncos (Cisticola juncidis), papuxa das amoras (Sylvia atricapilla), merlo común (Turdus merula), paporrubio (Erithacus rubecula) ou verderolo (Chloris chloris) entre outros.

O Documento Ambiental Estratéxico (DAE) establece unha valoración ecolóxica da vexetación de moi baixa calidade, a pesares de representar estas carballeiras os últimos anacos de bosque caducifolio atlántico dentro do perímetro urbano da cidade. O DAE tamén indica que se deberá, na medida do posible, realizar a conservación das masas arbóreas existentes. Na realidade, e atendendo a fases anteriores da construción do PAU de Navia, esta consideración foi totalmente incumprida, non ficando ningunha árbore das antigamente existentes dentro da zona de recente construción.

Por un modelo que defenda os espazos verdes da cidade

Entendemos que as actuacións do concello deberían ir encamiñadas a salvagardar estes últimos espazos naturais da cidade, apostando por un modelo de cidade que integre e aproveite o valor ambiental presente no territorio. Esta zona alberga unha área de enorme interese, non só como refuxio faunístico, senón como área verde con enorme potencial de recreo e uso público, servindo de recurso didáctico para a posta en valor do noso patrimonio ecolóxico, así como o seu achegamento á cidadanía de Vigo. Nunha cidade falta de espazos verdes como Vigo, esta é unha nova oportunidade perdida para gañar calidade de vida en termos de saúde xeral e ambiental.

Mediante as alegacións presentadas reclámase que o proceso de restauración ambiental, establecido no DEA, ten que incluír a conservación da totalidade das masas arbóreas existentes que están afectadas pola nova fase de ampliación do plan de actuación urbanística (PAU) de Navia, así como o acondicionamento destas como espazos recreativos e de lecer. Así mesmo deberíase incorporar máis árbores autóctonas ás existentes e eliminar as actuais especies exóticas invasoras presentes na zona, como é o caso do eucalipto (Eucalyptus globulus) ou da herba da fortuna (Tradescantia fluminensis).

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal