ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O PP non quere ecoloxistas na Comisión dos lumes

08-01-2018

O PP non quere ecoloxistas na Comisión dos lumes

A recentemente criada “Comisión especial de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan Forestal de Galicia” non contará desta volta coa comparecencia dos colectivos ambientalistas galegos.

Malia a que diversos grupos propuxeron a comparecencia de representantes ecoloxistas, o PP vetou esta posibilidade. O grupo do governo insistíu en que os/as comparecentes deberían ter un marcado perfil técnico. Porén, mentres alcaldes, sindicalistas, e até ENCE darán a súa visión –técnica- no Parlamento sobre a xestión dos montes e o problema dos lumes, por primeira vez dende 1989 (data da primeira “Comisión para o estudo da problemática dos incendios forestais”), os ambientalistas galegos non teremos voz sobre unha problemática que, como todo o mundo sabe, nada ten que ver co medio natural.

Chama a atención que a  “Comisión  de  Estudo  sobre  as  causas  e  consecuencias  dos incendios forestais” constituida en 2006 despois da vaga de lumes dese ano, e na que participamos representantes de ADEGA, a SGHN, a FEG e Verdegaia, acordara entre as súas conclusións e a respeito da participación social para reducir a incidencia dos lumes, o seguinte:
“A resposta da sociedade galega fai aconsellable que a administración adopte medidas dirixidas a canalizar e dar resposta acaída á participación social nos traballos de prevención e coidado do noso patrimonio forestal e natural, posibilitando de forma organizada e segura o voluntariado, como forma directa da sociedade de dar resposta ás necesidades colectivas que temos como pobo”
.  E a seguir, recomendara “fomentar a colaboración con tipo de asociacións e entidades para que sexan quen de favorecer unha rede de participación en defensa do monte galego...”, “establecer programas de formación dirixidos ao conxunto da sociedade”, “apostar pola educación para a sustentabilidade”; alén de “fomentar o asociacionismo medioambiental” e “reforzar o papel do Consello Galego de Medio Ambiente”, entre outras (*).

O veto do PP á participación da cidadanía comprometida coa defensa ambiental alíñase coa teima desta formación política con botar á xente do monte e promover políticas de abandono. O PP non quere testemuñas sobre o terreo das consecuencias das súas políticas, do que acontece nun medio rural cada vez máis dominado polos negocios de ENCE. Non esquecemos que unha das primeiras medidas tomadas por Feijóo tras recuperar a Xunta en 2009 foi a supresión do voluntariado en defensa do monte galego.

Este novo intento do PP de amordazar aos movementos sociais supón ademais un flagrante menosprezo á lexislación vixente tanto estatal (Lei 27/2006 que regulamenta o dereito de participación pública, información e acceso á xustiza en materia de medio ambiente), como europea (Directivas 2003/4/CE e 2003/35/CE) e de tratados internacionais (Convenio de Aarhus). Preguntámonos que opinión terá a Valedora do Pobo a respeito desta nova vulneración de dereitos cidadás amparados legalmente, mais animamos á cidadanía comprometida coa defensa da nosa natureza, indignada trala catástrofe incendiaria deste pasado outono, a facer ouvir a súa voz através do apoio masivo á ILP para a protección e mellora dos hábitats de bosque autóctono, a racionalización da xestión do monte e a loita contra os incendios forestais.

Artigo de opinión de Fins Eirexas, xeólogo e consultor ambiental, actualmente traballando como secretario executivo de ADEGA.

(*) As cursivas citadas corresponden ao Ditame da Comisión non Permanente para o Estudo sobre as Causas e Consecuencias dos Incendios Forestais en Galicia, BOPG nº 260 de 19/12/2006, pp. 31039, 31042 e 31043.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal