Inicio / Novas / Educación ambiental / Crónica do Campo de Voluntariado Ambiental de...
30-10-2017
Tomando unha vez máis como punto de partida do voluntariado o porto de Aguiño, onde coa axuda de tod@s, cargamos todo o material de traballo na planeadora que nos levaría a illa nunha intensa viaxe.
Unha vez alí, despois da instalación dos voluntari@s e a organización do material, o voluntariado tivo a oportunidade de facer un percorrido pola illa visitando a aldea de Sálvora. Unha vez de volta nos nosos, os participantes tiveron a oportunidade de familiarizarse, a modo de introdución e da man de Ramsés Pérez, na problemática das especies exóticas e invasoras, facendo fincapé na importancia da concienciación social como ferramenta de loita fronte a esta problemática, xa que o ser humano é o principal vector de introdución das especies exóticas e invasoras.
Despois de palestra puidemos desfrutar, como en campos anteriores, da cea, tendo a oportunidade de coñecernos un pouco mellor.
A xornada do mércores 4 comezou cun percorrido até o Faro onde se atopa a principal zona de traballo. Unha vez alí repartimos o traballo, que consistía na eliminación manual de Carpobrotus edulis ao longo dunha gran mancha. En total eliminamos uns 200 metros cadrados ao longo dun dos laterais do faro.
Preto da mesma zona puidemos observar os froitos do traballo realizado por outros voluntari@s da man de ADEGA en anteriores campos de traballo, onde todas aquelas zonas onde se eliminou a unlla de gato seguen a manterse limpas, sen indicios dun novo rebrote de dita invasora.
Despois de retomar forzas cun bo xantar, voltamos de camiño ao Faro para dar continuidade ás tarefas iniciadas pola mañá, arrincado de planta xunto co transporte da mesma ata ó vertedoiro, unha zona delimitada para que apodrezan e non se dispersen novamente.
Como complemento ao traballo coas invasoras e a observación de aves, houbo tempo tamén para observar a natureza de Sálvora, a súa diversidade biolóxica.
Xa na última xornada do campo de voluntariado, puidemos disfrutar dun percorrido pola illa, visitando de novo aldea de Sálvora e coñecendo a biodiversidade animal e vexetal do resto da illa. Non podiamos desaproveitar a oportunidade de recoller todo tipo de lixo que atopamos ao noso paso pola praia.
Dita xornada permitiunos observar o paso de aves que están a migrar nesta época do ano, sendo notable a presenza de pardelas e do mascato (Morus bassanus), xunto algún que outro cormorán que descansaba sobre as pedras coas ás abertas esperando a que se sequen despois dunha xornada de pesca no mar.
Tras a avaliación final por parte dos voluntarios, voltamos aos nosos fogares agardando que esta iniciativa teña continuidade en datas vindeiras.
Dende ADEGA queremos mostrar o noso agradecemento a tod@s polo seu compromiso e implicación persoal na defensa da nosa natureza de maneira desinteresada e esperando que non sexa a última vez que nos acompañedes.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal