08-09-2017
Logo de que ENDESA decidira en 2011, logo da denuncia da Fiscalía Ambiental, que ía cumprir a lei 50 anos despois e liberar o caudal ecolóxico do Eume secuestrado polo encoro da Capela, o proxecto de baleirado das lamas tóxicas situadas no fondo do encoro está a piques de ser autorizado por Augas.
Este procedemento demorouse ao longo de 6 anos e sufríu modificacións substanciais, xa que a intención orixinal da empresa era utilizar o Eume como sumidoiro.
Perante as alegacións dos colectivos ecoloxistas, Augas de Galiza obrigou á empresa a mudar o proxecto establecendo un sistema de extracción das lamas e de control das eventuais verteduras, para minimizar a afección ao Eume, ao Parque Natural e aos aproveitamentos pesqueiros da ría.
A administración, na súa proposta de resolución, pretendía obrigar á empresa e dragar por succión e a transportar as lamas tóxicas fóra do vaso para o seu tratamento, alén de esixir unha monitorización case continua do estado ecolóxico do río con controis de contaminantes.
Para ADEGA e AEMS-Ríos con Vida isto non era suficiente: denantes de autorizar calquera desaugue deberianse ter cubicado correctamente o volume de sedimentos a retirar, alén de realizar unha batería de análises para detectar posíbeis substancias tóxicas acumuladas nas lamas logo de 50 anos de operación da mina e da central. En todo caso e acudindo a precedentes legais, de existiren dúbidas razoábeis sobre a inocuidade das obras, Augas debería denegar o proxecto para preservar a integridade do espazo da Rede Natura, que ademais é Parque Natural.
Agora, no segundo trámite de audiencia previo á resolución, e despois de termos reiterado a nosa solicitude de denegación do permiso polas incertidumes do procedemento e o risco certo de contaminación do río, tivemos acceso á última proposta de ENDESA.
Neste sorprendente documento de alegacións a empresa recoñece con total tranquilidade que, entre outras cousas, “por más sedimento que se pueda retirar, no se evitará la esperable punta inicial de materiales en suspensión tras la apertura de los desagües de fondo”. Isto é, que o que se pretendía evitar a toda costa, a saber, que as lamas tóxicas foran polo río abaixo, vai acontecer.
A empresa cualifica tamén de “inviable en la práctica” o sistema proposto por Augas de Galiza para a remoción dos sedimentos, unha combinación aspiración, depósito e transporte em barcaza. E non só isto, tamén recoñece que "el volumen estimado de sedimentos a retirar (1200 m3) debería ser variable, al alza o a la baja".
Temos pois que ENDESA pide autorización para verter ao Eume unha cantidade indeterminada de materiais contaminantes, e por se isto fora pouco, pretende que estas verteduras sexan consideradas como “asimilables a episodios de lluvias naturales”. Esta pretensión, unida á intención da empresa de realizar “soltas preventivas” de caudal, para “minimizar los efectos ambientales de las pruebas”, e dispoñer de “caudales de dilución”, alén de recoñeccer a insuficiencia da balsa de decantación na canle, son para ADEGA a ‘proba do nove’ de que o Eume vaise ver seriamente afectado polas obras.
Ante tais pretensións, expresadas con total desfachatez por parte da empresa, que mesmo pide que as analíticas as fagan as súas consultoras de confianza e non o persoal e laboratorios da administración, e a teor da variada xurisprudencia na materia, voltamos a solicitar a Augas de Galiza a denegación definitiva do proxecto de ENDESA de "modernización dos desaugues" do encoro da Capela.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal