ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / A Xunta tapa ollos e orellas fronte ás denuncias...

27-06-2017

A Xunta tapa ollos e orellas fronte ás denuncias por plantacións ilegais de eucaliptos

O Dir. Xeral de Montes (Ordenación Forestal) Tomás Fernández Couto vén de afirmar, encol dos tráxicos lumes de Portugal, que de cumprirse as leis na Galiza sería difícil ver incendios como o de Pedrógão Grande. Talvez refírese a esas mesmas normas que como a Lei de Montes ou a Lei de Patrimonio, a Xunta adoita ignorar cando non directamente incumprir... Incompetencia ou simplesmente faciana pétrea?

Laiarse de que as leis se incumpren e non facer nada por cumprilas. As declaracións de Fernández Couto reflicten o cinismo da Xunta fronte ao problema da eucaliptización e dos lumes que, como en Portugal, aproveitan a coberteira de especies pirófitas e a proximidade das vivendas para facerse incontrolábeis. As leis ás que fai referenza o director xeral, quer a Lei de Montes ou a Lei de Prevención e defensa contra os incendios (cuxas franxas de protección o PP reducíu), son precisamente as que a Xunta está a ignorar cando autoriza ou tolera plantíos de eucaliptos sen respectar as distancias mínimas ou enriba de terras agrarias.

Descarrega o artigo completo na CERNA 77

As excusas de Medio Rural para non cumprir a lei

Só dende 2016, ADEGA presentou 300 denuncias por talas e plantacións ilegais de eucaliptos na provincia de Lugo. Destas, un 10% remataron con arrincado dos eucaliptos e/ou sanción, un 12% foron desestimadas e o restante 78% simplesmente ficaron sen resposta.
Grande parte das infraccións son arquivadas sen apertura de expediente sancionador, sen reparación de dano, e sen existir motivos suficientes para xustificar tal arquivo. As escusas máis frecuentes da Xunta para dar carpetazo ás nosas denuncias son:

-Imposibilidade para datar a plantación ilegal ou identificar o uso previo da terra: Este argumento é unha burda escusa para non actuar. Hoxe existen plataformas dixitais, comparadores de ortofotos e fórmulas de datación que aplican a diario técnicos e peritos forestais, accesíbeis tamén para o persoal técnico da Xunta e mesmo para o público en xeral. Acontece que simplesmente non hai vontade para facer uso destas ferramentas.

-Unha interpretación sui generis da lexislación de montes: É a coñecida "doutrina pasteiros" que provoca que plantacións ilegais de eucalipto ocupen antigos terreos de pasto ou forraxeiros, incumprindo a prohibición de forestar terras agrarias. O servizo xurídico da Xunta autoriza estes plantíos ao considerar os pasteiros como terreos forestais e non agrícolas. Curiosa interpretación da Lei de Montes que mesmo entra en contradición coa Lei de Prevención de incendios, ou coas axudas públicas para a forestación de superficies que, paradoxalmente, exclúen os pastos por consideralos terreos agrícolas...

-O suposto predominio da clasificación urbanística do solo fronte a súa vocación orixinal ou uso: Se o terreo no que se realizou a plantación tiña previamente un uso agrícola, pero aparece clasificado como forestal no PXOM, Medio Rural dálle predomino á cualificación urbanística e exime ás plantacións ilegais de aterse ás obrigas de cambio de actividade establecidas na Lei de Montes. Deste xeito, deixa de facto aos concellos a facultade de intervir sobre o planeamento do monte, ponteando unha lei para impoñer os seus usos a vontade.

-A caducidade dos expedientes sancionadores: Numerosos expedientes abertos acaban caducando ao dilatarse o procedemento administrativo sen seren resoltos. Nestas situacións, a reparación do dano dependerá da vontade da Xunta de querer reiniciar o procedemento sancionador, ou da existencia dunha nova denuncia de parte que dea lugar a un novo expediente. Será que non interesa "mover os papeis"?

Patrimonio e Confederación Hidrográfica tamén recean frear os plantíos ilegais de eucaliptos

Medio Rural non é o único organismo público reticente a actuar fronte aos plantíos ilegais de eucalipto. Dende 2016 ADEGA e Mariña Patrimonio presentamos 60 denuncias contra a industria forestal por danos a xacementos arqueolóxicos nos labores de tala ou repoboación. Destas 60 denuncias, só 22 obtiveron resposta da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, e destes 22 casos, só 2 deron lugar a expedientes sancionadores. As 20 denuncias restantes arquiváronse por unha suposta non apreciación dos danos ou por falta de protección legal do xacemento, malia a tratarse de elementos patrimoniais pre-inventariados pola consellaría e identificados cun código ou referencia oficial. O simples recoñecemento da existencia destes bens non tería que ser suficiente para frear as actuacións que provoquen a súa destrución ou alteración?

Tamén a Confederación Hidrográfica Miño-Sil está a facer unha interpretación arrevesada das súas propias normas. Pese a que no Plano Hidrolóxico prohíbese a plantación de especies alóctonas e exóticas invasoras nos 100 primeiros metros a carón dos cursos fluviais, a Confederación só considera necesario aplicar esta norma cando a plantación afecte á vexetación de ribeira. O caso do Pedregal de Irimia, no nacemento do Miño, inzado de eucaliptos co visto e prace da Confederación, é especialmente sangrante.

Estes datos veñen a demonstrar a falla de vontade política dalgunhas administracións por poñer límites ás plantacións de eucalipto en Galiza. O seu desleixo e inacción fainas cómplices de acontecer unha catástrofe como a de Portugal.
Hoxe a eucaliptiación avanza porque quenes tiran beneficio dela perceben a pasividade da Xunta, o seu desleixo e “deixar facer”. Como sociedade debemos reaccionar perante esta situación, manifestando o noso rexeitamento, presionarmos para que se cumpran as leis, loitarmos polos recursos que estamos a perder, imprescindíbeis para a vida, e procurarmos un medio rural máis sustentábel e un territorio máis ordenado e xusto.

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal