Inicio / Novas / Delegacións / As plantacións de eucaliptos diminúen a...
12-06-2017
Texto baseado no artigo "Influencia dos monocultivos de eucaliptos nos ecosistemas fluviais" de Adolfo Cordero, Alba Martínez e Maruxa Álvarez.
A cantidade, estacionalidade e calidade (composición específica) das follas e doutros restos vexetais son os factores máis relevantes no control do funcionamento enerxético dos ríos. Follas de baixa calidade ou difíciles de procesar, como as dos eucaliptos, afectan negativamente ás comunidades dos regatos forestais. Un estudo dos usos do solo en 16 regatos afluentes do río Lérez mostra que a diversidade de macroinvertebrados aumenta co tamaño da bacía e do bosque autóctono, o cal está relacionado negativamente coa cobertura de eucaliptos. A diversidade e riqueza de macroinvertebrados diminúen a medida que aumenta a superficie de eucaliptos, tal e como predicía a teoría ecolóxica.
Cada río recibe as achegas de materia orgánica da súa bacía, que son arrastradas polas chuvias, o vento ou pola acción dos animais, incluíndo a nosa propia acción. Unha das achegas principais son as follas que caen das árbores que crecen directamente no bordo do río e que constitúen o bosque denominado ripícola, de ribeira, ou en galería. Na nosa rexión, esas árbores son fundamentalmente ameneiros (Alnus), salgueiros (Salix), freixos (Fraxinus), pradairos (Acer), pero tamén carballos (Quercus) e outras especies.
O feito de plantar especies exóticas como os eucaliptos preto dos regos, eliminando a vexetación nativa, cambia a entrada de follas ao sistema. En primeiro lugar, modifica a calidade das follas xa que as follas de Eucalyptus globulus son de baixa palatabilidade, e teñen peores propiedades e maior dificultade para seren descompostas, para os detritívoros e descompoñedores autóctonos.
En segundo lugar, muda a estacionalidade, porque os eucaliptos non son caducifolios e a maioría das follas non caen no outono (cando caerían as das árbores autóctonas), senón no verán, e de forma non sincronizada coas comunidades que se alimentan desta materia. A teoría ecolóxica predí que aqueles regos con moitas achegas de eucaliptos terán menor calidade de materia orgánica, reducindo en cadea as abundancias e a diversidade dos organismos detritívoros.
Para probar esta hipótese, os autores estudaron 16 regatos que desembocan no río Lérez. Tomaron mostras de macroinvertebrados a finais de primavera e inicios do verán de 2011, e estimaron o grao de alteración da vexetación da bacía segundo a superficie ocupada por bosque autóctono, eucaliptos, zonas agrícolas, matogueira e zonas urbanas.
Atoparon en primeiro lugar que a diversidade de macroinvertebrados aumentou coa superficie da bacía, e tamén coa proporción da superficie cuberta por bosque autóctono. Porén a riqueza de macroinvertebrados (e polas conexións tróficas tamén de peixes) diminuíu a medida que aumentou o solo ocupado por eucaliptais e a tendencia é similar coa diversidade. Ademais, observouse que os regatos con áreas de captación cubertas principalmente por eucaliptais presentan unha maior probabilidade de secarse completamente no verán. Este efecto sobre a dispoñibilidade hídrica das plantacións de eucaliptos pode ser moi relevante en sitios secos ou períodos de ausencia de precipitacións. Tamén é importante considerar estes efectos no futuro, porque a tendencia do cambio global do clima é cara máis sequidade, o que implica que árbores de crecemento rápido (como moitos eucaliptos e piñeiros) consumen moita máis auga que árbores de crecemento lento.
Os efectos da silvicultura intensiva, especialmente do eucalipto, son claros non só nos sistemas terrestres senón tamén nos ecosistemas fluviais. O uso de especies autóctonas mitigaría eses efectos negativos. Se iso non for posíbel (por cuestións económicas), entón unha boa estratexia sería protexer os bosques ripícolas, tal e como establece a lexislación de moitos países, incluído o noso. Habería que deixar marxes de seguridade, prohibindo a plantación de eucaliptos nas beiras dos regos, como por certo fixa a vixente Lei de Montes... Mágoa que esas normas non se estean a respectar.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal