ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / No Día do Medio Ambiente ADEGA demanda un pacto...

05-06-2017

No Día do Medio Ambiente ADEGA demanda un pacto social para a conservación dos nosos bosques e do medio rural

"Unir as persoas coa Natureza" é o lema que a ONU propón para este Día Mundial do Medio Ambiente 2017. Mais no noso país, os modelos baseados no monocultivo forestal especialmente con eucaliptos, favorecidos e favorecedores do abandono do rural, fan que as persoas estean cada vez máis lonxe da natureza.

"Quen seremos nós sen os nosos bosques?", o lema co que dende as primeiras mobilizacións (ano 1988) contra a conversión dos nosos montes en eucaliptais propiciada polo primeiro Plano Forestal (aprobado en 1992), segue a ser válido hoxe. Mais cada vez resulta máis difícil reverter unha situación que levou a que apenas nunha xeración, o eucalipto pasara a ser o rei da floresta. Aresatora podemos dicir que a árbore máis frecuente no territorio galego é o eucalipto, que ocupa xa preto de 600.000 hectáreas.

Aquel plano forestal de 1992 deseñado a 40 anos vista, xa ultrapasou en apenas 25 a superficie máxima programada para o eucalipto en 40.000 ha (masas puras) e 190.000 ha (masas mixtas), segundo recoñeceu a Xunta. Pola contra, seguimos sen contar co inventario de masas de frondosas autóctonas, ferramenta fundamental para poder planificar non só medidas de conservación, senón tamén para deseñar estratexias de xestión que maximicen os beneficios do bosque autóctono.

Aquel plano favoreceu tamén a forestación con especies de crecemento rápido de hábitats de monte baixo, moitos deles de interese europeo e prioritario, que viron reducida a súa extensión en máis de 470.000 ha. Constatamos tamén a acelerada perda de superficie agraria útil, substiuida por repoboacións maioritariamente de eucalipto, e que os sindicatos agrarios cifran nunhas 30.000 hectáreas.

Á vista destas conclusións e dado o peso territorial do monte galego, entendemos que resulta imprescindíbel un pacto social para podermos reverter esta situación e evitarmos que en poucos anos, Galiza vire nunha inmensa plantación de eucaliptos dende Ortegal ao Miño e dende Fisterra ao Courel. Un monocultivo baleiro de xente e consumidor de recursos naturais para fornecer de madeira barata e pasta de papel ás metrópoles industriais europeas.

Xa que logo, se queremos conservar ás nosas florestas autóctonas, para como di a ONU "manter unidas ás persoas coa súa contorna natural" resulta imprescindíbel asumir actuacións urxentes, tanto medidas de choque como estruturais, no marco dun Pacto social polos nosos bosques.

Algunhas medidas urxentes do Pacto social polos bosques

-Conxelar a extensión de Eucaliptus globulus. No Estado o 94,8% das especies son autóctonas e as especies alóctonas representan o 4,59 % da superficie arborada, en Galiza é ao revés, o 75-80% son alóctonas (maioritariamente eucaliptos) e tan so o 20-25% son autóctonas. Segundo a Xunta, o eucalipto ocupa preto de 400.000 hectáreas, superando en 230.000 ha o previsto para 2032 no plano forestal. Cómpre declarar xa unha moratoria e impulsar un plano de erradicación desta especie, particularmente das terreas de cultivo.

-Prohibir a plantación de E. nitens:
Pola súa capacidade e potencial invasor– demostrada con Informes do Ministerio de Agricultura e o Principado de Asturias- e por ser unha especie exótica e pirófitica, a plantación e extensión de Eucaliptus nitens pon en perigo o bosque clímax galego. Ademais debe elaborarse un Plan de control para levantar o Eucaliptus nitens plantado ilegalmente (máis de 30.000 ha) e fixar prazos para ir paulatinamente diminuíndo a súa extensión até cero. Como norma non se debería autorizar a introdución de novas especies forestais, até que os estudios científicos pertinentes, xunto coa conveniencia social e económica da súa introdución, demostren que non son invasivas. Cando unha especie sexa aceptada debería limitarse a súa extensión e zona de plantación durante algúns anos para ver a evolución.

-Fomentar as repoboacións forestais con especies propias do país.
O impacto das actuais repoboacións forestais artificiais e intensivas é moi grande: reducen os hábitats naturais e seminaturais, a flora, aves, insectos, mamíferos... repercuten na calidade do solo, aumentan a erosión, compiten pola auga e invaden hábitats naturais. As caducifolias son especies clímax adaptadas ao medio, posibilitan a diversidade e existencia de flora e fauna silvestre, fertilizan e melloran o solo, regulan o ciclo hidrolóxico, son compatíbeis  coa produción de varios usos: madeira, gandería, mel, cogomelos..., melloran a paisaxe e a saúde e son mais apropiadas no territorio en época de seca e idóneas en tempos de cambio climático. E por se fora pouco son de maior valor económico que compensa o seren mais lentas no crecemento... e ademais son as nosas!

-Aumentar a prevención na loita contra o lume.
Os incendios forestais son unha forma de expansión espontánea de Eucaliptus globulus e de Eucaliptus nitens a costa doutros tipos de vexetación. Precisase contra os incendios un novo enfoque centrado na prevención, aplicación de normas estrictas nos cultivos forestais e sancións adecuadas aos infractores e incendiarios. Urxe adoptar unha serie de novas medidas orientadas á prevención:

  • Aproveitar o mato do monte baixo por gando en liberdade ou semi-liberdade para diminuir a biomasa a disposición do lume mantendo o monte pastable, ademais de podelo aproveitar para outros usos. Os monocultivos, especialmente de eucaliptos, impiden compatibilizar os aproveitamentos.
  • Aumentar o pasto no forestal arborado potenciando as devesas onde arbores e pasto compatibilizan os usos con aproveitamento madeireiros e outros como, leña, biomasa, froito, mel, cogomelos, caza, plantas medicinais e aromáticas... Estes produtos de calidade e aproveitados de forma sostible non teñen competencia no mercado e así garantiremos unha biodiversidade, sustentabilidade e protección da fauna silvestre ao tempo que fixaremos poboación no rural.
  • Evitar o inicio do lume: comunidades e propietarios con repoboacións de crecemento rápido teñen que vixiar os seus montes, mantelos en condicións de baixa posibilidade de incendio, aplicando a retirada por parcelas de biomasa con criterios ecolóxicos. En caso de incendio nos seus montes deberían aportar unha porcentaxe económica relacionada cos gastos de apagar o lume.
  • Implantar un imposto verde ás plantacións de pirófitas: Non pode recaer no conxunto da sociedade o custo de preto de 200 millóns de euros/ano da loita contra os incendios. Por cada metro cúbico de madeira de piñeiros e eucaliptos deberiase aplicar un canon destinado á prevención primeiro e á loita contra incendios e recuperación despois.
-Potenciar a industria do moble e dos produtos do bosque autóctono. Galiza está especializada na produción de produtos intermedios: madeira, taboleiros/chapa e pasta de celulosa. Falla a segunda transformación onde estaría a industria do moble, carpintería, envases... Este tipo de industria consumiría menos enerxía, auga e materias primas, produciría menos contaminación e daría máis postos de traballo e máis valor engadido aor produtos do monte.
Potenciar tamén a industria relacionada coa madeira de árbores nobres e con froitos e produtos diversos: castaña, cereixa, noces, cogomelos, mel e outros productos das colmeas, flores silvestres, etc.

-Ordeamento do territorio e especialmente do monte arborado. A planificación física e a ordenación do territorio ten que ser previa a calquera política forestal. Non podemos perder terras agrícolas a costa de aumentar a superficie forestal. Estamos utilizando menos da terceira parte do territorio a cultivos e praderías, cando normalmente nos países europeos teñen case a metade da superficie a este fin. Galiza non pode perder terras de calidade para o forestal e tería que recuperar terras forestais para cultivos, revertendo os terreos hoxe forestados ilegalmente a pasteiros e terras de labor para producir alimentos de calidade de forma sostible, ecolóxica e rendible e así fixar poboación no medio rural.
Só están ordenados a cuarta parte dos montes. O forestal arborado leva anos xestionado caoticamente:  subvecciónase, plántase e agárdase pola corta, mais polo medio non existe xestión forestal, nen formación aos 70.000 propietarios, nen entresacas, podas, limpeza, vixilancia... en definitiva, non hai xestión.

-Incrementar o Patrimonio Forestal Galego. Mentres no Estado a superficie pública de monte é de 0,19 ha/habitante, en Galiza é de 0,02 ha/habitante. No Estado o 31,4% do forestal é de Patrimonio, mentres en Galicia os montes de Uso Publico representan o 1,5% do total forestal. As administracións tiñan que destinar un fondo anual para ir progresivamente mercando monte e desenvolver nesas superficies unha política forestal axeitada e exemplar. Na actualidade algúns Concellos contan con pequenas extensións de monte, mais están abandonadas, e a política oficial da Xunta está orientada no senso contrario, a favorecer as privatizacións.

-Cumprimento da lexislación por parte da administración. A Xunta incumpre as súas propias normas e leis, como as distancias das plantacións de eucalipto a rios, parcelas agrarias, camiños, etc.; a obrigada limpeza e coidado dos montes con piñeiros e eucaliptos; consinte plantacións de eucaliptos en praderías e terras agrarias (30.000 ha segundo os sindicatos); permite cortalumes en vertical cando terían que seguir as curvas de nível; permite talas a feito e utilización de maquinaria pesada en lugares de gran pendente; incumpre sistematicamente a Lei de Avaliación Ambiental en procedementos que implican cambios de usos; carece de Rexistro de masas autóctonas consolidadas prevista na Lei de Montes (artigo 93.1), etc.

Sen estes compromisos urxentes, os nosos montes están abocados a seren en poucos anos un deserto verde, un eucaliptal continuo baleiro de vida e de xente.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal