ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / Enchemos o Obradoiro de eucaliptos! Grazas a...

24-04-2017

Enchemos o Obradoiro de eucaliptos! Grazas a todos/as

No día da Terra, 22 de abril, a praza do Obradoiro ficou inzada de eucaliptos para visualizar a problemática do monocultivo desta especie. Dende "Cousa de Raíces" queremos parabenizar ás participantes e animalas a continuar coa loita.

Mira as FOTOS da xornada

Pola nosa natureza, polo noso patrimonio, abonda xa de eucaliptos!

Texto do manifesto lido por Anxo Moure (o Carballo con Botas) na concentración do Obradoiro:

Compostela, 22 de abril, Día da Terra.

O eucalipto ocupa xa na Galiza máis de medio millón de hectáreas, un 17% do noso territorio. Está presente nos nosos montes, mais tamén nas terras de cultivo, nos espazos naturais, enriba dos xacementos arqueolóxicos… Semella que para a industria do eucalipto non existen limitacións: todo vale con tal de seguir engordando a conta de beneficios das celulosas.

Hoxe eiquí nesta emblemática praza, queremos visibilizar a impunidade coa que os plantíos de eucalipto ocupan espazos de alto valor natural e patrimonial, perante o silenzo ou a colaboración cómplice da Xunta. Esta aparente desfeita, esta vergoñenta estampa non está moi lonxe do que arestora está a acontecer nos nosos Parques Naturais, na nosa Rede Natura, sobre os nosos xacementos arqueolóxicos, enriba das nosas terras produtivas, nas que troques de medrar alimentos medra a pasta de ENCE.

Todo pola Pasta! É o lema da celulosa, dona xa do monte galego. Ave eucaliptus! É a divisa da Xunta que, obediente, rende o noso país ao monocultivo agardando polas prebendas e os retiros dourados nos consellos de administración da industria pasteiro-enerxética.

Diante deste panorama, os máis de 60 colectivos que facemos parte da rede “Cousa de Raíces”, da Asemblea contra a eucaliptización de Compostela e persoas a título individual queremos berrar ABONDA XA! Non todo vale: esiximos respecto! Respecto pola lexislación que a propia administración teima en incumprir; respecto polo noso territorio, para que Galiza non remate sendo un completo eucaliptal, un inmenso deserto verde baleiro de patrimonio e de xente. E respecto en definitiva, por nós mesmos, por nós mesmas, porque merecemos vivir nun país ceibo da ditadura do eucalipto.

Para tentar revirar esta situación, esiximos das administracións:

-Cumprir estritamente a lexislación para impedir a forestación de terras agrarias e os plantíos sobre hábitats de interese, eliminando de xeito subsidiario aquelas plantacións ilegais. -Declarar unha moratoria para novos plantíos de Eucaliptus como acaba de facer Portugal, até que se avalíen os impactos desta árbore sobre os ecosistemas naturais logo de 40 anos de monocultivo intensivo.

-Prohibir o Eucaliptus nitens incluíndoo no catálogo de especies exóticas e invasoras para evitar a súa plantación, trafego e aproveitamento e preservar a integridade do noso patrimonio natural. -Frear os cultivos enerxéticos: o aproveitamento da biomasa forestal con fins enerxéticas (plantar-queimar-plantar) non pode ser un obxectivo en si mesmo.

-Establecer un Imposto verde para o eucalipto: os eucaliptais inciden na maior intensidade dos lumes; na contaminación de terras e rías con agroquímicos e subprodutos das celulosas; no deterioro da biodiversidade e no avanzo da erosión, provocando perdas económicas directas. Quen os plante debería compensar á sociedade.

-Promulgar directrices de ordenación territorial dos montes con criterios ecolóxicos, sociais e paisaxísticos, tanto a nivel galego como local, para controlar e limitar os eucaliptos e repoboacións forestais en espazos relevantes como son: elementos do patrimonio histórico-arqueolóxico, rede hidrográfica de regatos e brañas, liña costeira, terras agrarias, áreas de montaña, camiños de Santiago, Rede Natura e espazos protexidos a nivel local, homoxeneamente distribuídos por todo o territorio galego.

-Distinguir as masas produtivas de eucaliptos dos exemplares ventureiros e as especies invasoras en expansión descontrolada por mor dos lumes e o abandono dos propietarios, de xeito que se fomente a súa erradicación e que todos os eucaliptos restantes queden circunscritos a directrices de ordenación das plantacións, favorecendo a protección dos bosques e rexeneracións naturais de autóctonas.

-Fomentar a silvicultura de frondosas autóctonas e asimiladas con fins comerciais, a través da investigación, selección e plantación, co obxectivo de apoiar os procesos de transformación industrial baseados na madeira de calidade.

Abonda xa de compoñendas cos amigos do eucalipto! A Xunta de Galicia debe deixar de ser a Xunta de Eucalipticia, se queremos que a nosa natureza, que o noso medio rural teña futuro.

Pola nosa natureza, polo noso patrimonio: ABONDA XA DE EUCALIPTOS!!

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal