Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Medio millón de hectáreas de eucalipto en...
07-02-2017
Portugal conxelou a expansión do eucalipto até 2030, prohibindo novos plantíos por riba das 812.000 hectáreas que arestora ocupa. Na Galiza o eucalipto medra nunhas 500.000 ha e aumentando. Xa cobre case o 17% de todo o territorio galego, mentras que en Portugal non chega ao 9%. A intensidade de ocupación do noso territorio é portanto dupla que no país veciño.
Porén, a Xunta insiste en priorizar a explotación forestalista, apostando pola produción de madeira con pouco valor engadido, pola biomasa forestal e os cultivos enerxéticos e inhibíndose fronte á presión das novas especies que como o Eucaliptus nitens, están xa a ocupar áreas anteriormente vetadas ao E. globulus.
O Eucaliptus nitens, especie que pola súa resistencia ao frío está a ocupar territorios antes vetados ao E. globulus, é unha “especie exótica en expansión, con alto risco de invasión e perigosa para a biodiversidade e a funcionalidade dos ecosistemas”, como resolveu o Comité científico do Ministerio español do ambiente.
Malia a non estar formalmente incluido no Catálogo estatal de especies exóticas e invasoras, non hai dúbida de que o é. En consecuencia, e como acontece coas demáis especies invasoras (caranguexo e visón americano, herba da Pampa, etc.) tanto o Estado como a Xunta deberían prohibir a plantación, trafego e aproveitamento desta especie para preservar a integridade do noso patrimonio natural.
E para o resto das especies do xénero Eucaliptus, nomeadamente o E. globulus, maioritario nas explotacións forestais, debería establecerse unha moratoria para novos plantíos seguindo o exemplo de Portugal.
O aproveitamento intensivo do eucalipto comporta o deterioro de servizos ecosistémicos que como a diversidade natural, a dispoñibilidade de auga, a fertilidade do solo, ou a calidade paisaxística, son importantes para a vida e o mantemento das actividades económicas da nosa sociedade.
Os eucaliptais inciden tamén na maior frecuencia e intensidade dos lumes; na contaminación de terras e rías con agroquímicos e subprodutos das celulosas; no empobrecemento da biodiversidade e no avanzo da erosión, provocando perdas económicas directas e fosilizando importantes cantidades de recursos públicos (o PLADIGA -plano de loita contra o lume- custa anualmente uns 100 millóns de €).
En consecuencia, e tal como acontece con outras "ecotaxas" ou impostos verdes (céntimo sanitario nos combustíbeis, canon eólico ou hidroeléctrico) a plantación de eucaliptos debería estar gravada cun imposto que contribuira a reverter en parte as perdas que a súa explotación comporta á sociedade.
Paralelamente, aqueles modelos que apostan pola multifuncionalidade do monte e baseados no aproveitamento das especies autóctonas, deberían estar primados, mesmo sen ter unha fin produtiva. Os nosos bosques naturais prestan un importante servizo á sociedade, polo que semella lóxico que esta repercuta parte destes beneficios a aquelas comunidades e propietarios/as que apostan pola súa conservación.
En ADEGA imos traballar nestas propostas concretas sobre o eucalipto, emanadas da pasada 41 Asemblea, e facemos un chamado ás organizacións sociais e políticas para traballar e debater o seu desenvolvemento. Está en xogo é algo máis que un modelo forestal: está en xogo un modelo de país.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal