Inicio / Novas / Educación ambiental / Xornada de recuperación de charcas nos Ancares
27-09-2013
A iniciativa de ADEGA Charcas con Vida que comezou a súa andaina neste ano 2013, convoca a cuarta xornada de voluntariado que se celebrará os días 18 e19 de outubro. O lugar escollido para esta nova actuación será A Serra dos Ancares na comarca veciña do Bierzo, onde se realizarán tarefas de recuperación de antigas charcas.
Antigamente na zona extraíase barro para recubrir os fornos, ao escavar para extraelo formábanse pozas que eran aproveitadas por especies de anfibios. Hoxe en día co cese desta extracción as antigas charcas atópanse colmatadas e son case inexistentes, o que conleva unha diminución destes organismos ao carecer dun hábitat xa de por si escaso na zona.
As charcas ou pozas son pequenos pero importantes espazos para a conservación da biodiversidade. Por iso a creación dun pequeno humidal sempre é beneficiosa. Anfibios, aves, invertebrados … e tamén certos tipos de plantas ou algas son algún exemplos dos seres que se ven favorecidos por este tipo de actuacións. Dende o proxecto Charcas con Vida achegamos a cidadanía a estes lugares e damos ferramentas válidas para a súa conservación.
As actuacións que se van desenvolver se realizarán nunha finca cedida para tal fin pola Xunta Veciñal de Teixeira en colaboración co Concello de Villafranca del Bierzo mediante un acordo de custodia do territorio. A custodia do territorio é unha nova e crecente ferramenta de conservación do patrimonio natural e cultural consistente no acordo entre unha entidade de custodia (ONG, concello, etc) e un propietario ou propietaria para conservar ou recuperar os valores ambientais e culturais dun espazo concreto.
O voluntariado contará con seguro de accidentes, as comidas e a pernocta en Villafranca del Bierzo.
O proxecto Charcas con Vida conta coa colaboración da Fundación Biodiversidad do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, e realízase en convenio co CIBIO (Centro de Investigaçao em biodiversidade e recursos genéticos, Portugal). Para esta actividade colaboran tamén Amigos de Ene. Museo Nacional de la Energía, o concello de Villafranca del Bierzo, a Reserva da Biosfera dos Ancares Leoneses e WWF.
Para máis info: Ramsés Pérez (616 23 80 50) e Lucía Parente (669 80 69 08)
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal