18-11-2016
ADEGA vén de asinar por terceiro ano consecutivo un convenio de colaboración coa Asociación Dignidade para a realización de actividades de educación ambiental con nenos e nenas e rapaces en risco de exclusión social e titorados polo Tribunal Tutelar de Menores. Na xornada de onte, os rapaces realizaron unha inspección dun treito do río Mera para coñecer en que estado ecolóxico se atopa este efluente, baixo a coordinación de ADEGA e no marco proxecto de voluntariado ambiental Proxecto Ríos. Ao mesmo tempo, fixeron un roteiro interpretativo a carón deste curso fluvial no que aprenderon algúns conceptos sobre a conservación do río e as súas marxes.
O programa de actividades organizadas dentro deste marco de colaboración xa comezou o pasado 10 de novembro cunha visita aos terreos agroecolóxicos de Vida de Aldea, un proxecto de sustentabilidade radicado no concello de Outeiro de Rei, na aldea de San Clodio, que está rexido por Xosé Ramón Rodríguez Iglesias, con quen ADEGA xa ten colaborado en ocasións anteriores. Durante esta xornada, os menores participantes aprenderon nocións básicas sobre técnicas, planificación e manexo dun pequeno horto ecolóxico e fixeron a súa primeira plantación de leitugas no invernadoiro que a Asociación Dignidade ten ao seu cargo en Vida de Aldea.
O vindeiro xoves, 24 de novembro, terá lugar a terceira actividade de educación ambiental destinada a concienciar ambientalmente aos rapaces e rapazas cos que traballa a Asociación Dignidade. ADEGA dirixirá un roteiro polas Terras de Pambre para dar a coñecer os valores culturais e ambientais da zona. Visitarase o Castelo de Pambre e as parcelas en custodia que ADEGA ten en Ramil, Agolada, no enclave da Eira da Xoana.
Para completar o programa de actividades, o martes, 29 de novembro, os rapaces e rapazas de Diginidade coñecerán os beneficios e vantaxes dunha alimentación sana e ecolóxica e dun comercio de proximidade, durante unha visita que se fará ao Mercado de Abastos de Lugo.
Este é o terceiro ano que ADEGA e a Asociación Dignidade colaboran nun proxecto común para introducir os menores en situación de risco de exclusión social ao respecto polo medio ambiente e ao coidado da contorna, poñendo de relevancia a necesidade de fomentar na xuventude a conciencia ambiental e fortalecer o tecido asociativo e os proxectos en común entre os diversos colectivos sociais para a construción dunha sociedade máis participativa e igualitaria.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal