ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Perante o inicio da tempada cinexética, ti podes...

17-10-2016

Perante o inicio da tempada cinexética, ti podes ampliar o monte libre de caza!

Este pasado 16 de outubro comezou a tempada de caza para as preto de 50.000 licenzas que existen en Galiza. A Lei 13/2013 de caza de Galiza é unha norma feita por e para os cazadores, aos que lles concede case en exclusiva os dereitos sobre grande parte do monte galego durante o periodo hábil (nesta tempada, do 16 de outubro ao 6 de xaneiro de 2017), sen contar batidas e "campionatos". A norma obvia que a caza é unha actividade máis do medio rural que debería compartir o mesmo territorio con outras actividades, buscando a compatibilidade dos usos en troques de apostar pola imposición.

Unha mostra dos privilexios dos que goza a actividade cinexética por riba doutros usos, é que a persoa que non queira ceder o aproveitamento cinexético do seu terreo, ten que soportar o custo de sinalización dos seus predios. Isto supón, nun terreo hábil para a caza, a usurpación de facto dos dereitos de propiedade: se non queres que se cace no teu terreo, tes que solicitalo expresamente e pagar, dándose un claro prexuízo das persoas propietarias en beneficio dos cazadores que non posúen a terra mais fan predominar os seus dereitos sobre ela.

Como conseguir que as túas terras estean libres de caza

Porén, e malia aos inconvintes dunha normativa demasiado proclive á escopeta, existe a posibilidade de impedir que nas túas terras se practique a caza. Eis os distintos casos:

-Se eres propietario/a dunha ou máis parcelas nas que ti nunca cediches expresamente os dereitos de caza ao Tecor, por seren, por exemplo, terras herdadas nas que non asinases persoalmente a cesión; ou terras mercadas cos dereitos cedidos polo anterior propietario; abondará con colocar nas parcelas uns cartaces ou letreiros visibles que indiquen "Prohibido cazar" ou "Prohibido o paso" (non hai modelo concreto, mais resoméndase seguir os criterios da ORDE do 23 de xullo de 2002 pola que se regula a sinalización nos terreos cinexéticos). Estes sinais (que deberás custear ti) terán que estar colocados no perímetro ou nos accesos practicables das respectivas fincas (art. 17.2 da Lei 13/2013).
Sería tamén interesante que, alén de prohibir directamente a actividade da caza nas túas terras, solicites a maiores a segregación das parcelas do Tecor. Por lei, debe haber unha porcentaxe de terras do Tecor catalogadas como zona vedada, e o sector da caza adoita aproveitar esas nas que se prohibiu a caza para sinalalas como vedado (art. 19). Mais de segregares as túas terras, xa non poderán computalas como parte do Tecor e deberán localizar as zonas vedadas noutras parcelas, ampliando así a superficie non cazábel.

-Con anterioridade asinaches a cesión das túas parcelas ao Tecor, e agora queres segregalas. Neste caso deberás presentar unha solicitude de segregación das túas parcelas do Tecor. Para iso, e se tes as escrituras das terras, abonda con achegalas na Consellaría de Medio Ambiente xunto cunha instancia de solicitude de segregación.  
Se non tes as escrituras, podes dirixirte ao teu Concello e solicitar alí un documento selado coa listaxe de parcelas catastrais ao teu nome, no cal se certifica que eres o propietario/a. Con esta listaxe, e igual que acontecía coas escrituras, debes solicitar por escrito á Consellaría de Medio Ambiente a segregación desas terras do Tecor.      

No último ano, a cantidade de solicitudes de segregación dos Tecores medrou de xeito exponencial, malia a unha normativa hostil. Xa vimos que estes trámites supoñen molestias e custos adicionais, tan só para recuperar a titularidade plena das túas terras e impedir que se cace nelas, mais paga a pena. Este é o único xeito de garantir que o monte poida ser desfrutado por todos/as e non só por uns poucos individuos con escopetas.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal