Inicio / Novas / Educación ambiental / Un curso máis ambientalizando a Universidade da...
05-10-2016
Un curso máis, e van xa máis de 5 anos, ADEGA seguirá a traballar coa Oficina de Medio Ambiente (OMA) da Universidade da Coruña. O obxectivo é organizar actividades que contribúan a ambientalizar a universidade. Estas actividades son levadas a cabo polo persoal bolseiro que corresponde a diferentes facultades no marco dunha equipa multidisciplinar.
Entre as actividades a desenvolver atópanse a restauración do Monte da Fraga, espazo no que ao longo dos anos fixemos varias actividades (plantacións participativas, eliminación de flora exótica invasora, poda das arbores, plantación de aromáticas, construción dunha charca, censos co voluntariado...) que seguiremos a deasenvolver neste curso para mellorar a biodiversidade deste espazo.
Co tema dos residuos fixéronse varias caracterizacións e actualmente estase a compostar “in situ” os residuos orgánicos de cinco comedores universitarios do campus da Zapateira, Elviña e Oza. Dende a OMA, ademais de xestionar os composteiros, trataremos de divulgar e estender esta boa práctica.
tamén iniciamos campañas de aforro enerxético, aforro de auga e utilización de papel reciclado e eguiremos facendo as inspeccións de Proxecto Ríos de primavera e outono.
Co tema da mobilidade continuase co programa de préstamo de bicis, roteiro e obradoiro de mantemento. Tamén organizaremos a xa tradicional Feira da Sustentábilidade con diversidade de entidades, obradoiros e charlas. E ao longo do curso desenvolveremos obradoiros onde podemos aprender a facer caixas niño, plantar unha horta, aprender a compostar, alimentación saudábel… En definitiva, seguiremos traballando na Universidade da Coruña para crear actitudes respetuosas co medio natural sendo un exemplo de sustentabilidade.
Para comezar este xoves 6 de outubro ás 12:30 organizamos unha limpeza do río Lagar dentro da actividade de limpeza simultánea de ríos do Proxecto Ríos. Estade atentas ás actualizacións para a participación en vindeiras actividades.
Atoparedes máis información no blog da OMA (http://medioambienteudc.blogspot.com.es) e no seu Facebook (Oficina de Medio Ambiente UDC).
Na seguinte ligazón podedes descarregar a memoria do curso 2015-16 para ter unha idea do traballo realizado, tamén podes poñerte en contacto con nós e suxerirnos actividades que consideres de interese para a comunidade universitaria https://www.udc.es/export/sites/udc/_galeria_down/sociedade/medio_ambiente/actividades/MemoriaOMA1516.pdf
O correo de contacto é oma3@udc.es
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal