ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Resultados da IX Limpeza Simultánea de Ríos

08-11-2016

Resultados da IX Limpeza Simultánea de Ríos

762 persoas retiran case 13 tn de residuos na IX Limpeza Simultánea de Ríos do Proxecto Ríos

Recolléronse refugallos de todo tipo, e coma sempre abundaron os plásticos (botellas, garrafas, bolsas, sacos...). Apareceron tamén rodas de automóbiles, cristais, colchóns, radiocasetes, restos de coches, pilas, electrodomésticos, extintores. As toalliñas húmidas foron do lixo máis abundante. Apareceu tamén algunha uralita, roupa, calzado, colchóns...
Calculamos que os residuos de tódolos concellos suman máis de 12 toneladas, pero debemos lembrar que o noso principal obxectivo non era este. O voluntariado ambiental non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración, somos, por outra banda, unha masa de xente que axuda a concienciar á sociedade. O voluntariado denuncia que a situación dos nosos ríos debe mudar, e para iso facemos actividades como esta.

A IX Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos” se celebrou este ano en 44 concellos de toda Galiza, e participarán un total de 56 entidades (asociacións, colectivos ecoloxistas, delegacións de ADEGA, centros de ensino…) e tamén 5 concellos que organizan directamente esta actividade.
Proxecto Ríos é un proxecto financiado por Augas de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Para esta actividade contamos coa colaboración da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, así como os concellos de A Coruña, A Estrada, Allariz, Arzúa, Cambre, Carballo, Fene, Gondomar, Lugo, Poio, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadumia, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, San Sadurniño, Teo, e Tomiño.
Xa se poden consultar os resultados e o álbum de fotos da IX Limpeza Simultánea de Ríos na Web do Proxecto Ríos e na Web da Limpeza.
Queremos voltar a agradecer a todo o voluntariado galego o seu compromiso cos nosos ríos, un ano máis a sociedade galega Mollouse Polos Ríos!!

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal