ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / Iniciativa pola declaración do Pedregal de Irimia...

03-10-2016

Iniciativa pola declaración do Pedregal de Irimia como Monumento Natural

ADEGA e outras organizacións vimos de iniciar unha campaña para sensibilizar sobre a situación do Pedregal de Irimia, lugar de nacemento do Miño, ameazado polos eucaliptos.

A campaña comezou esta fin de semana cun acto do Pedregal, no decurso do cal deuse lectura ao manifesto e escomenzou a recollida de sinaturas. Podes descarregar o manifesto e o prego de sinaturas (ligazón máis abaixo), para envialas logo a ADEGA.

Manifesto pola declaración do Pedregal de Irimia como Monumento Natural

O NOSO PEDREGAL, MONUMENTO NATURAL

O Pedregal de Irimia, no concello de Meira, é un deses lugares que na cultura colectiva galega representan como poucos a nosa identidade como pobo. Un marco do noso imaxinario común, un espazo senlleiro e mítico: del nace o Miño, o pai dos ríos galegos!

Son ducias os mitos e lendas que acompañan ao longo dos séculos ao Pedregal de Irimia no seu lento tombear abas abaixo da Serra de Meira. Excepcional tamén o seu interese paisaxístico e xeo-morfolóxico, como evidencias dun pasado aínda máis remoto no que os glaciares dominaban o mundo.

Mais esta fonda significación, este valioso tesouro cultural e científico que acubilla non é abondo para garantir a súa pervivencia. Son moitas as ameazas que pairan sobre este espazo: degradación paisaxística, eucaliptización, turismo desordeado… mais a principal delas quizáis sexa o esquecemento. Este semella ser o destino daquilo que non se pode mercar e vender, cuantificar por quilos, ferrados, euros…

As entidades e persoas que subscrebemos este manifesto negámonos a que isto aconteza. Negámonos a que o Pai Miño quede orfo, como un refuxiado na súa propia terra, privado do seu lugar fundacional, a casa petrucial: o Pedregal de Irimia.

É por iso que facendo uso das ferramentas das que nos dotamos para protexer e conservar a nosa herdanza natural e cultural, reclamamos un recoñecemento legal e unha protección para o Pedregal de Irimia. Á altura do seu valor e significado como elemento senlleiro do patrimonio material e inmaterial, insubstituíbel, do pobo galego.

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de Conservación da Natureza, establece a figura de Monumento Natural para “aqueles espazos ou elementos da natureza constituídos basicamente por formacións de notoria singularidade, rareza ou beleza que merecen ser obxecto dunha protección especial. Considéranse tamén monumentos naturais as formacións xeolóxicas e os demais elementos da xea, así como os xacementos paleontolóxicos, que reúnan un interese especial pola singularidade ou importancia dos seus valores científicos, culturais ou paisaxísticos.”

O Pedregal de Irimia ben merece pois este cativo recoñecemento, un pequeno paraugas legal para escorrentar as ameazas do expolio, do cemento, dos eucaliptos, mais sobre todo do esquecemento.

Os colectivos e persoas que abaixo asinamos, reclamamos da Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galiza o inicio do procedemento para a declaración do Pedregal de Irimia como Monumento Natural, consonte ao disposto nos artigos 13 e 24 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de Conservación da Natureza.

Galiza, setembro de 2016

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal