ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / Comunicado incendios Adega Monterrei - Salvemos o...

08-09-2016

Comunicado incendios Adega Monterrei - Salvemos o Támega

Dende a agrupación Salvemos o Támega – ADEGA Monterrei, e ante esta cadea de atentados ambientais como a que estamos sufrindo durante esta semana en toda a comarca do Támega, facemos o seguinte comunicado:

Non so condenamos esta serie de lumes que están acabando co pouco de verde que nos quedan nunha das terras máis castigadas ano tras ano, senón que tamén repudiamos a eses máis que animais que se dedican a prender nos nosos montes. Dementes pirómanos que xa descoñecemos se sofren algunha patoloxía ou se simplemente son a cabeza de lanza dalgunha gran trama organizada que teñen como único obxectivo beneficio económico para os seus petos. Calquera que sexa a cuestión, esta situación repítese ano tras ano sen dar tregua en ningún momento.
A sociedade, tralo lume que devastou a serra do Larouco o ano pasado, fixemos amago de espertar do noso letargo e da indiferenza pola nosa terra e implicarse polo futuro do noso rural. Isto non foi así, como a maioría de todos estes movementos, quedou nunha simple pataleta que so valeu para que algúns, dende as súas casas, se riran de nós.
Non son especulacións urbanísticas, non son empresas madeireiras, non son os brigadistas. Os únicos culpables somos todos nós porque simplemente non apreciamos o único que temos nesta terra, a propia terra. Deixémonos de indagacións e tomemos conciencia de todo o que está pasando. Necesítanse políticas de prevención e non de extinción, nin políticos que se adiquen a facerse fotos en zapatos apagando lumes.
Esperemos que as nosas conciencias esperten desta vez, e que entre todos podamos coller a estes dementes pirómanos, saiamos ás rúas e fagámonos escoitar, e que esta lacra se acabe dunha vez.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal