Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Outra tonelada e media de Carpobrotus retirada de...
12-07-2016
Dando continuidade aos traballos encetados o pasado ano, a ducia de voluntarios/as de ADEGA que vimos de traballar en Sálvora para a recuperación dos hábitats autóctonos conseguimos retirar preto de 1500 kg de herba do coitelo.
ÁLBUM DE FOTOS da actividade
Foron uns 500 metros cadrados ocupados por Carpobrotus edulis repartidos en 8 zonas arredor do Faro de Sálvora, alén de varias manchas de calas (Zantedeschia aethiopica), esparexidas pola illa, preferentemente nas dunas fixas, as que conseguimos liberar de invasoras.
Ao longo dos 3 días do campamento, o voluntariado tivo oportunidade de coñecer e familiarizarse en primeiro lugar, coa problemática das especies exóticas e invasoras. Na palestra introdutoria tratouse polo miúdo esta problemática e as diversas técnicas e protocolos de actuación, facendo fincapé na imprescindíbel concienciación social, xa que as persoas somos o principal vector de introdución de espexcies exóticas e invasoras.
Durante as xornadas de traballo e logo establecidos os grupos e delimitadas as áreas de actuación, procedimos á eliminación manual do Carpobrotus edulis na zona do Faro, unha área na que nos últimos anos é xa visíbel o efecto das intervencións sobre esta especie que pouco a pouco vai liberando un terreo que é rapidamente colonizado polas plantas autóctonas.
Alén da herba do coitelo, tamén intervimos sobre as calas (Zantedeschia aethiopica), particularmente abondosas arredor do Pazo, e sobre algunhas matas de tintureira (Phytolacca americana) e Coniza (Coniza canadensis) curiosamente distribuidas ao longo da pista que comunica o porto co faro.
Todas as plantas retiradas foron transportadas a un lugar de acopio convintemente acondicionado para que sequen e perdan peso e poidan logo ser transportadas fóra da illa ou transformadas en compost.
Como complemento ao traballo coas invasoras, houbo tempo tamén para observar a natureza de Sálvora, a súa diversidade biolóxica e mesmo facer observacións astronómicas aproveitando as noites escuras e a presenza de varios planetas no ceo.
Unha visita á aldea de Sálvora, hoxe deshabitada, e un percurso polas instalacións do faro e a súa historia guiado pola fareira Carmen, completaron, xunto con tempo para o baño e o lecer, as actividades nesta contorna privilexiada.
Tras a posta en común e a avaliación final, voltamos ao continente, agardando que esta iniciativa teña continuidade en datas vindeiras.
Dende ADEGA queremos agradecer aos voluntarias e voluntarios participantes o seu compromiso e implicación persoal na defensa da nosa natureza. Agradecemento tamén ao persoal do Parque Nacional, a Carmen a fareira e aos intrépidos patróns da navieira Mar de Aguiño.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal