Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA e Mariña-Patrimonio denuncian danos masivos...
01-06-2016
ADEGA e MariñaPatrimonio vimos de presentar 40 novas denuncias por danos ao patrimonio histórico-arqueolóxico causados polos labores asociados á explotación forestal do eucalipto: plantacións, cortas, apertura de pistas, rozado con maquinaria pesada, etc.
De feito, no N da provincia de Lugo, unha área intensamente eucaliptizada, levamos documentado e presentado nos últimos 5 anos un total de 56 denuncias.
ADEGA e MariñaPatrimonio coidamos que boa parte dos xacementos arqueolóxicos desta área xeográfica (uns 500), poden estar afectados nalgunha medida polos labores asociados á explotación forestal do eucalipto.
Entre estes últimos 40 xacementos afectados figuran 2 abrigos paleolíticos, 21 mámoas, 14 castros, 1 xacemento medieval e 2 de idade indeterminada.
Por concellos, as afeccións documentadas distribúense do seguinte xeito:
Abadín, 3 Lourenzá, 1 O Vicedo, 2
Alfoz, 3 Mondoñedo, 5 Viveiro, 2
Barreiros, 3 Trabada, 1 Xove, 5
Foz, 3 Valadouro, 11 Friol, 1
Coidamos que estas 40 novas denuncias són só unha pequeña mostra, a punta do iceberg do que pode estar a acontecer en moitos montes galegos submetidos á ditadura do eucalipto. Extrapolando os datos ao preto do medio millón de hectáreas eucaliptizadas en Galiza, a magnitude da afección patrimonial (con danos por veces irreparábeis sobre o ben, chegando mesmo até a desaparición do xacemento) e o impacto cultural asociado, podería ser inmensa.
As responsabilidades destas desfeitas distribúense, na opinión de ADEGA e MariñaPatrimonio, a partes iguais entre a industria do eucalipto e a Xunta de Galiza. A primeira, por actuar irresponsabelmente e sen un mínimo respecto por un patrimonio que é de todos, só centrada na produción a toda costa para satisfacer a cobiza de ENCE.
No tocante á Xunta, a súa responsabilidade é quizáis maior, por abandonar o seu labor de coidado, vixianza e control dun valiosísimo patrimonio público.
E perante a inoperancia da administración, somos a cidadanía organizada a que estamos asumindo o papel de tutelar estes bens. Seguiremos a documentar e a denunciar perante os servizos de Patrimonio e o SEPRONA todos aqueles casos que poidamos constatar nos que se produzan danos ao noso patrimonio. Valéndonos da listaxe dos xacementos e contando cos recursos que as novas tecnoloxías ofrecen, con actualizacións periódicas de imaxes de satélite, pódese facilmente comprobar se houbo cortas e/ou plantacións de eucaliptos sobre unha determinada zona. Como é que a Xunta non o fai contando con moitos máis recursos?
Perante esta situación, ADEGA e MariñaPatrimonio pediremos tamén áo amparo da UNESCO, a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, para frear a destrución masiva dos bens arqueolóxicos galegos pola industria eucaliptal e a inoperancia da Xunta.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal