21-03-2016
Con motivo do Día Internacional dos Bosques ou Día da Árbore (21 de marzo) as organizacións ecoloxistas reclamamos políticas activas para conservar os nosos bosques. Alén disto, e perante a imparábel expansión do eucalipto, cidadanía e concellos podemos e debemos reaxir.
A conservación dos nosos bosques e o combate ao eucalipto foi o eixo central de traballo que a 40 Asemblea de ADEGA fixou para este ano 2016.
Deste xeito e no marco das campañas “COUSA DE RAÍCES” en defensa dos nosos bosques autóctonos e "STOP EUCALIPTO... AVANTE CARBALLO!", promovidas xunto a unha manchea de organizacións sociais e gremiais, queremos neste día dar publicidade ás ferramentas que a cidadanía dispón para poder reaxir fronte á imparábel extensión do eucalipto e darlle unha oportunidade aos nosos bosques.
Malia a que a Lei de Montes 9/2012 é unha desas normas aprobadas en solitario polo PP e favorecedoras das grandes superficies con monocultivos forestais, nomeadamente dos eucaliptos, existen unha serie de limitacións referidas ás características dos terreos e ás distancias que deben cumprir as plantacións forestais. Estes límites afectan por exemplo a plantacións de eucaliptos en parcelas con masas de frondosas autóctonas, en terreos agrícolas, a menos de 15m dos cursos fluvias ou a menos de 100m da liña de costa, entre outros.
En ADEGA temos elaborado un "kit" de resposta rápida fronte a plantacións ilegais que permite verificar in situ se cumpren ou non coa normativa, e ademais inclúe un modelo de denuncia. Á marxe das actuacións que calquera particular ou entidade queira desenvolver usando este “kit”, en ADEGA seguiremos recollendo, trasladando á administración e denunciando aquelas cortas ou plantacións ilegais que ameazan a supervivencia das nosas frondosas autóctonas
Polo que atinxe aos concellos, entanto que administración máis próxima á cidadanía, estes poden através dos PXOM e demais normativa municipal, contribuir á conservación dos nosos bosques e tentar limitar a proliferación do eucalipto.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal