ADEGA

Inicio / Buscador / STOP EUCALIPTO... AVANTE CARBALLO! É o momento de...

05-02-2016

STOP EUCALIPTO... AVANTE CARBALLO! É o momento de pararlle os pés ao eucalipto

Este venres 5 de febreiro, 21 organizacións ecoloxistas e naturalistas galegas unímonos para lanzar a campaña "STOP EUCALIPTO, AVANTE CARBALLO!", para chamar a atención sobre a preocupante extensión das plantacións de eucaliptos en Galiza e a necesidade de conservar os nosos hábitats autóctonos. Reclamamos medidas moi concretas para limitar as afeccións do cultivo desta especie e preservar os bosques autóctonos.
A elección de Pontevedra para a presentación desta campaña non é casual: A recente prórroga da concesión de ENCE en Lourizán non só é unha mala noticia para a ría de Pontevedra, senón que ameaza seriamente á biodiversidade de todo o país pola extensión do seu modelo de negocio (pasta de papel, biomasa) baseado no monocultivo do eucalipto.

É o momento de pararlle os pés ao eucalipto!
É o momento de pararlle os pés a ENCE!

Manifesto STOP EUCALIPTO... AVANTE CARBALLO!

Nas últimas décadas rexistrouse unha gran expansión do eucalipto en Galiza, a comunidade con maior superficie de eucaliptais do estado. No primeiro Inventario Forestal Nacional (IFN I) de 1972/73, o eucalipto estaba presente nun total de 131.181 ha. Para o máis recente (IFN III), realizado en Galiza nos anos 1997 e 1998, o eucalipto estendérase xa por 396.344 ha, o 28% da superficie arborada galega. En vista dos datos provisionais dispoñibles, a finais de 2015 a superficie de eucaliptais en Galiza podería achegarse ás 500.000 ha. Parte desta área é ocupada por eucaliptos fóra de plantación, isto é, asilvestrados ou ventureiros, que medran moitas veces despois de incendios como acontece con outras especies pirófilas.

As plantacións de eucaliptos en Galiza supoñen máis da metade (52%) das existentes no estado e, só por especie, na Península Ibérica localízase o 53% da superficie mundial de Eucalyptus globulus, máis que en toda Australia. Asemade, nos últimos tempos unha nova especie de eucalipto, o Eucalyptus nitens, veu engadirse ás plantacións, chegando a espazos antes vetados para o E. globulus, dada a súa maior resistencia ao frío.

O aumento imparábel do eucalipto relaciónase co abandono agrario e co declive do medio rural galego, caldo de cultivo para o negocio pasteiro. A falla dun modelo produtivo sustentábel, multifuncional e socialmente inclusivo, fai que o destino de montes e terras agrarias sexa o monocultivo, nomeadamente de eucalipto, substituíndo ás frondosas autóctonas. Isto acontece perante a pasividade, cando non complicidade da Xunta, permisiva co incumprimento das normas e que coa reforma do Plano Forestal de 1993 pretende fortalecer as plantacións de E. globulus, consolidar o E. nitens, promover a biomasa e estender os cultivos enerxéticos.

Conscientes da gravidade do problema, e da necesidade de pararlle os pés ao eucalipto para garantir a biodiversidade e a persistencia dun mundo rural vivo, as organización asinantes reclamamos as seguintes CINCO ACCIÓNS:

  1. O cumprimento da actual lexislación (Lei de Montes, Lei de Costas, Lei de Conservación da Natureza, etc.) que aínda limita a plantación de eucaliptos en parcelas con masas de frondosas autóctonas, terreos agrícolas, ríos, costas, hábitats de interese… Trátase dunhas mínimas limitacións, a todas luces insuficientes, para asegurar a correcta conservación dos valores naturais da nosa terra, que en moitos casos tampouco están a cumprirse.
  2. A prohibición de novas plantacións e a repoboacións con especies do xénero Eucalyptus nos espazos pertencentes á Rede Galega de Espazos Protexidos (RGEP), así como naquelas áreas con presenza de hábitats e especies incluídas na Directiva 92/43CEE.
  3. A eliminación de eucaliptos ventureiros ou asilvestrados fóra de plantación, en virtude do artigo 52.2 da Lei 42/2007, de 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade e do Real Decreto 630/2013, de 2 de agosto, polo que se regula o Catálogo español de especies exóticas invasoras, a teor da Disposición adicional segunda.
  4. A consideración do Eucalyptus nitens como unha especie exótica e invasora, perigosa para o mantemento da biodiversidade e a funcionalidade dos nosos ecosistemas, en virtude da sentenza 00274/2014 da Sección Primeira da Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Nacional. Xa que logo, prohibir o seu cultivo en todo o territorio galego e poñer en marcha un plano de control e erradicación naquelas áreas nas que xa estea presente.
  5. A urxente aprobación de medidas para protexer os nosos bosques autóctonos a través de axudas directas, a promoción de alternativas ao eucalipto e o impulso aos aproveitamentos multifuncionais e sustentábeis. Consideramos que a certificación forestal baixo o selo FSC non debe atinxir ás plantacións de eucalipto, porque nelas non se promove unha xestión forestal ambientalmente acaída, socialmente beneficiosa e economicamente viábel dos bosques.
Galiza, Nadal de 2015  

Asinan: ADEGA, AGCT (Asociación Galega de Custodia do Territorio), Amigos da Terra, APDR, CEMMA, Colectivo Ecoloxista do Salnés, FEG (Federación Ecoloxista Galega: grupos ADEGA, ADENCO, AEMS-Ríos con Vida, APDR, Asemblea do Suído, CES, Coto do Frade, GN Hábitat, Guerrilleiros das Fragas, MEL, Naturviva, Néboa, Niño do Azor, Oureol, Vaipolorío, Verboxido, Verdegaia e Xevale), Grupo Naturalista Hábitat, Verdegaia,  As. Rabo do Galo

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal