ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Premios Osíxeno e Dioxina ás millores e piores...

13-01-2016

Premios Osíxeno e Dioxina ás millores e piores actuacións ambientais de 2015

Esta 15ª edición dos tradicionais premios cos que ADEGA quere subliñar o millor e o pior do pasado ano dende a perspectiva ambiental na Galiza, coincide tamén coas celebracións dos 40 anos da nosa organización, consituida en 1975 e legalizada en 1976.
Xa que logo queremos ante todo recoñecer o traballo e o compromiso xeneroso dos milleiros de socios e socias de ADEGA ao longo destes 40 anos. Para eles, para vós, presentes e ausentes, vai o premio Osíxeno de Honra por termar do ecoloxismo galego e defender a natureza do país durante todo este tempo.

Premios Osíxeno 2015 ás millores actitudes ou actuacións ambientais do ano

-Premio OSÍXENO 2015, categoría individual: Xesús Asorey Martínez, secretario técnico da AGA (Asociación Galega de Apicultura) pola súa loita incansábel por divulgar e manter viva esta actividade tradicional, especialmente nos últimos tempos cos problemas dos pesticidas e a vespa velutina.

-Premio OSÍXENO 2015, categoría colectivo: á Granxa Arqueixal, referente da produción ecolóxica en Galiza e exemplo de dinamización e posta en valor do medio rural con iniciativas respectuosas e sustentábeis.

Premios Dioxina 2015 ás accións máis nefastas para o ambiente

-Premio DIOXINA 2015, categoría individual:  á empresa ENCE, pola súa teima en seguir contaminando outros 75 anos a ría de Pontevedra e ser responsábel da enorme estensión do eucalipto en Galiza. Neste 2016, ENCE fóra pra sempre!

-Premio DIOXINA 2015, categoría colectivo: Aos "líderes mundiais" responsábeis do decepcionante resultado do Cumio do Clima de París. A súa falla de visión e de responsabilidade ao pechar un acordo sen medidas urxentes nen compromisos vinculantes, supón outra oportunidade perdida na loita contra o cambio climático.

Os premios entregaranse no decurso dun xantar de confraternización que terá lugar o vindeiro sábado 30 de xaneiro a partires das 14:30h na Nave de Vidán (Av. Mestra Victoria Míguez, 44, Compostela).

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal