ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Balanzo ambiental de 2015 e reptos para o 2016

12-01-2016

Balanzo ambiental de 2015 e reptos para o 2016

A natureza, ausente do debate eleitoral

O 2015 rematou marcado pola resultado das eleccións estatais, logo dunha campaña na que outra volta, as cuestión ambientais ficaron ausentes do debate. Nen sequera a coincidencia destas eleccións coa COP21 de París foi quen de poñer na axenda política as medidas para loitar contra o cambio climático, entre outras propostas ambientais.  

Se coa crise as primeiras preocupacións en desaparecer dos programas e prioridades políticas son case sempre as culturais e ambientais, en época eleitoral estas cuestións, xa frecuentemente transversais, convírtense en tanxenciais ou directamente inexistentes. As propostas que afectan á xestión do territorio, aos modelos de transporte, á xeración de recursos e tratamento de residuos, e ao mentemento da diversidade natural e dos servizos ecosistémicos que presta a Natureza (auga, alimento, aire limpo, protección contra o clima extremo, etc.) case sempre ausentes dos debates, deberían estar na primeira liña da dialéctica política. Non foi así.

Agardemos que na vindeira convocatoria eleitoral de 2016, desta volta ao Parlamento Galego, a presenza do elemento ambiental no debate estea á altura da importancia que para o medio e para todas e todas/os nós, ten como xestionamos o vento, os ríos, os bosques, os recursos pesqueiros, mineiros, os residuos… Porque ben sabemos que consecuencias teñen determinadas propostas políticas e modelos de intervención no territorio para o noso medio e as nosas xentes.

A cimeira do clima de París: o parto dos montes

Un acordo global nos obxectivos, mais sen obrigas concretas para os estados poluintes é decepcionante, porque chega con 20 anos de retraso e o agardabamos medidas urxentes e compromisos concretos, que faltaron.

Máis aló de que por primeira vez a todalidade das partes (195 países) recoñeceron e asumiron como prioritaria a loita contra o cambio climático, a falla de compromisos concretos e obrigatorios para os asinantes supuxo a perda dunha oportunidade histórica e un frustrante paso atrás. Agardabamos algo máis que o recoñecemento unánime dun problema que mesmo até hai pouco tempo era negado por moitos dos asinantes.

Na Galiza, ADEGA presentou no Parlamento Galego unha iniciativa dirixida a todos os grupos para aprobar unha declaración con propostas de actuación contra o cambio climático. Contiña medidas para a descarbonización da economía e a protección social e ambiental, superando a inacción actual. Seguimos a agardar por un mínimo compromiso institucional na loita contra o cambio climático na Galiza. Nesta ocasión nen sequera nos queda París…

ENCE e os eucaliptos, o pesadelo que non cesa

Se en 2013 o PP tirou definitivamente a careta revelándose como o principal valedor da permanencia de ENCE en Pontevedra (non en ván no consello de administración da pasteira figuran a ex-ministra de medio ambiente con Aznar, Isabel Tocino, e o ex-conselleiro de medio ambiente con Fraga, Carlos Del Álamo), aprobando na Xunta o permiso ambiental e modificando ad hoc a lei de Costas estatal para permitir á pasteira continuar 75 anos máis, este 2015 foi chave para resolver este conflito. A Xunta enviou in extremis ao Ministerio o seu placet ambiental, e agora depende de Madrid cun governo en funcións, autorizar a prórroga.

Porén, á cuestión de ENCE e á contaminación e ao déficit ambiental que xera, subxace outro problema maior: o do monocultivo do eucalipto e a re-eucaliptización do noso territorio até estremos nunca antes atinxidos. Favorecidos polas novas leis de montes estatal e galega, e da man da insaciábel cobiza da pasteira, neste ano revelouse unha nova ameaza sobre o noso territorio e en especial sobre aqueles espazos que por condicións climáticas ou xeográficas, estaban aínda a salvo do eucalipto. Trátase do Eucaliptus nitens, unha variedade que atura ben as baixas temperaturas e a altitude e que para a pasteira está a ser a punta de lanza da colonización da Galiza interior. Xa non é unha rara excepción atoparmos plantacións de eucaliptos (E. nitens, obviamente) en áreas do interior de Lugo e Ourense e zonas altas de Pontevedra, nas que o E. globulus non se desenvolve ben. E isto está a acontecer perante os fuciños da Xunta, que anda enleada coa reforma do Plano Forestal de 1993, para, entre outras cousas, consolidar a actual estensión do E. globulus, regulamentar o E. nitens, estender a biomasa e abrirlle a porta aos cultivos enerxéticos.

A loita contra esta especie invasora, “perigosa para a biodiversidade e a funcionalidade dos ecosistemas” segundo o propio Comité Científico asesor de flora e fauna do Ministerio, na que xa está embarcada a Alianza Rural (ADEGA, CIG, FRUGA e ORGACCMM), ten que concitar o ano que entra e con urxencia, o apoio masivo do movemento ecoloxista e social galego.

Barreiros: ponto final a un pesadelo

Cunha nova Lei do Solo xa no forno parlamentar co único apoio do PP, para desta volta meterlle a pá ao chan rústico, a Xunta tivo que asumir en 2015 a sús derrota total na intención de dinamitar a lexislación urbanística e consolidar a arbitrariedade: o acordo do Consello da Xunta aprobando o Plano Sectorial de Barreiros foi anulado definitivamente.

A principios de xuño de 2013 o TSXG fallaba a favor de ADEGA e anulaba o acordo do Consello da Xunta co que a administración pretendía legalizar cun plano sectorial a medida, algunhas das desfeitas urbanísticas de Barreiros. A Xunta pretendía "investir" 14 millóns de € de cartos públicos, destinados a tapar os incumprimentos legais do concello e dos construtores. Foi, segundo o tribunal, unha "desviación de poder", que para ADEGA agochaba tamén un escandaloso trato de favor e un intento de malversación de cartos públicos. Neste 2015, case dous anos despois, e por imperativo legal, o mesmo boletín oficial no que a Xunta publicou o seu escandaloso plano sectorial, recolleu o fallo da sentenza que o anula. E os responsábeis daquela enorme chafallada administrativa (Feijóo e Hernández) seguen as súas carreiras políticas como se nada, e tan só o aínda alcalde de Barreiros, Puente Parga, está procesado por prevaricación urbanística.

Que tería acontecido se ADEGA non tivera recorrido perante o TSXG este vergoñento converio-trampa?

Residuos: a lenta e carísima agonía de SOGAMA

Tras a rebelión municipal de 2013 e 2014 fronte ao taxazo de SOGAMA, 2015 víu agromar e consolidarse ducias de proxectos municipais e mancomunados para o tratamento da fracción orgánica dos residuos, maiormente mediante a compostaxe caseira e comunitaria, secuestrándolle ao monstro incinerador a metade do combustíbel que precisa.  Porén, SOGAMA, coa colaboración entusiasta da Xunta, segue papando inxentes cantidades de cartos públicos. En todo o 2015, e alén do gasto corrente, a incineradora e o vertedoiro fosilizaron un mínimo 468,84 millóns de € dos orzamentos públicos, adicando unicamente á compostaxe -prioritaria por lei- apenas 90.000€.

A vía de auga na quilla do pailebote de SOGAMA aberta por moitos concellos e algunhas deputacións, é complementada en 2015 coa toma en consideración por parte da Comisión de Peticións do Parlemento Europeo, da denuncia que o conxunto dos grupos ecoloxistas galegos e as numerosas organizacións sociais agrupadas na Plataforma Galega contra a Incineración, presentamos este ano contra a Xunta e SOGAMA polo deficiente tratamento dos residuos en Galiza. A incineración e o vertido que practica SOGAMA, coa beizón da Xunta e o seu Plano de Residuos, incumpre nada menos que 3 Directivas europeas e o coeficiente de eficiencia enerxética, de xeito que na realidade, a incineradora traballa como un vertedoiro. Case 500 millons de € de cartos públicos, soterrados en 2015 neste vertedoiro!

Para os lumes xa non hai estacións

A desestacionalización dos incencios forestais é un feito, da man das consecuencias do cambio climático. Aos milleiros de hectáreas queimadas no verán, hai que engadir case outro tanto no inverno e na primavera.

As causas estruturais dos incendios forestais están xa suficientemente diagnosticadas dende hai anos, e as medidas precisas para reducir a súa incidencia son tamén coñecidas. A pregunta é como unha administración que ten a cacidade técnica e xurídica para poñelas en marcha, alén de non o facer, mesmo lexisla en sentido contrario (Lei de Montes galega e estatal que permite recualificar terreos queimados, Lei de Caza, nova Lei do Solo, Plano Forestal, Plano da Minaría, Orde de cultivos enerxéticos...) para seguir permitindo o deterioro do mundo rural abocado ao abandono, o lume e os eucaliptos. Nula prevención, recurtes, máis superficie de pirófitas, menos franxas de protección, forestación de terras agrarias, cultivos enerxéticos, privatización encoberta das CCMM, uso do lume como ferramenta... Moitos dos lumes que arrasan arestora o país prendéronse tamén nos despachos.

Á desestacionalización temporal hai que engadir tamén a deslocación xeográfica: os territorios tradicionalmente máis afectados, quer a franxa atlántica, xa non concentran a maioría dos lumes (se cadra só os do verán). Amplas áreas do interior, Macizo Central, Limia-Xures e Ancares-Courel son pasto das lapas mesmo no inverno e a primavera: unha auténtica catástrofe ecolóxica pola biodiversidade que acubillan e un enorme mazazo ás posibilidades de desenvolvemento sustentábel para estas áreas rurais. As 650 ha queimadas este agosto pasado nos Ancares e o Courel, en zonas de presenza e expansión do oso pardo cantábrico, apontan tamén a que algo está a fallar nas medidas de protección e recuperación desta emblemática especie, que leva agardando pola aprobación do seun Plano de recuperación dende 2013. Non será que non existe intención algunha de voltar a ter unha poboación de osos galega?

Ponto final aos encoros, dependendo para quen

O Plano Hidrolóxico Galiza-Costa ficou listo este ano para a súa apobación definitiva mediante real decreto. Recolle o ponto final aos novos aproveitamentos hidroeléctricos nos ríos competencia da Xunta, e un novo cálculo dos caudais ecolóxicos que ten en conta as necesidades ecolóxicas de cada río: unha boa nova. Mais non é para facer festa: acéptanse repotenciamentos de instalacións existentes e feita a lei…

Un exemplo son as tres novas centrais que Ferroatlántica constrúe no Xallas, o río máis intensamente explotado de todos os que xestiona a Xunta. Tres aproveitamentos que datan da era Fraga e que nunha tramitación administrativa merecedora dun récord Guiness, por duración e actuacións chafalleiras. Coas concesións caducadas de facto, o PP aprobou os proxectos sectoriais e declarou de utilidade pública os 3 aproveitamentos, desouvindo as numerosas alegacións apresentadas. Agora a Fiscalía Ambiental ten aberta unha investigación para depurar as responsabilidades desta vergoñenta tramitación administrativa e dos danos causados aos recursos naturais da bacía do Xallas, entre os que se atopa un fieito endémico –o fieito de auga- único no mundo.

Nos treitos competencia do Ministerio (Miño-Sil e bacía do Limia) non están vetados novos encoros. Máis aínda, hai en tramitación aínda que en sordina, un feixe de novas acentrais, by-passes, e outras obras faraónicas camufladas como milloras técnicas e de eficiancia, a cargo de Iberdrola e GN -Fenosa no Miño, Sil e Limia. Cousas da aperta do Obradoiro…

Piscifatoría de Touriñán: adeus ou até pronto?

Outra sentenza xudicial neste 2015, desta volta do Supremo español, levantou as saias á indignidade cometida polo governo Fraga ao autorizar a Pescanova a construción dunha piscifatoría no cabo Touriñán. Fou unha enorme chafallada administrativa e un descarado trato de favor cara unha empresa tradicional xubileo de políticos amortizados, que custou ao erario público más de un millón de euros. Se engadimos os custos derivados da actuación ilegal da Xunta coa megapiscifatoría de Rinlo, en Ribadeo (outros 689.000€) rexeitada esta volta polo TSXG, resulta que as ilegalidades acuícolas cometidas polos governos do PP supuxeron un gasto de 1.780.000€. Con amigos así, calquera monta un negocio, aínda que semella que para Pescanova á vista da súa creba económica, nin isto é suficiente.

Mais coa nova lei de acuicultura que a Xunta está a piques de comezar a tramitar, sen dúbida para laminar os atrancos administrativos e deixar expedito o camiño legal para un novo saqueo acuícola, a posibilidade do retorno das megafatorías dos peixes de plástico está servida. Non só a acuicultura industrial vai ter patente de corso para instalarse en calquera espazo, sexan casi secan os valores naturais que acubille, senón que tamén vai incidir directamente nos aproveitamentos pesqueiros e marisqueiros tradicionais, ao equiparalos ter que competir (en desvantaxe) cos industriais.

De lobos ibéricos e vespas asiáticas

Foron os animais máis mediáticos deste 2015. O primeiro, polas razóns de sempre: unha inxustificada demonización social e mediática, derivada da inacción e desleixo institucional por conservar esta xoia do noso patrimonio natural e compensar xusta e rápidamente os danos producidos, sexa ou non responsábel, na cabana gandeira. Inexistencia de medidas preventivas, retraso de anos e releos no pago das axudas por danos, manga ancha cos cazadores… E por riba, monterías ilegais que se anuncian con total naturalidade e absoluta impunidade en internet para o cobro de trofeos ilegais de lobo a 2800€ por cabeza, e que ADEGA denunciou na Fiscalía ambiental pode ser causa de delicto penal. O 2016 debería marcar a fin da inxustiza co lobo galego: unha liña imaxinaria, o río Douro, ten que deixar de marcar a diferenza entre a vida e a morte para esta emblemática especie. Acadar a protección total do lobo galego como acontece cos grandes carnívoros europeos, garantindo a nosa mutua convivencia, é un acto de xustiza ambiental urxente e necesario.

O outro animal mediático destre ano é a vespa velutina ou vespa asiática. Á precaria situación da cabana apícola galega, diezmada dende hai anos polas enfermidades e os efectos dos pesticidas, vén de xuntarse os efectos predatorios da velutina. Outra especie invasora máis que, como moitas otras, parece campar polos seus respeitos até que os danos se trasladan á economia ou comprometen, con razón ou non, a seguridade cidadá.

Eirós, a Altamira e Atapuerca galega, en perigo

Este foi un ano chave para o noso Patrimonio histórico e arqueolóxico: un dos seus máis valiosos elmentos, a cova de Eirós en Triacastela, está no fío da navalla e o seu futuro, que se resolverá en 2016, marcará un antes e un despois na protección do patrimonio cultural galego. Os intereses mineiros dunha grande empresa transnacional do cimento levan anos ameazando a cova, mentres as administracións, concello e Xunta, póñense de perfil.

Eirós acolle restos e materiais de máis 118.000 anos pertencentes aos primeiros humanos de Europa, o Homo neandertalensis, e tamén do Homo sapiens ou de Cromagnon, datados en máis de 20.000 anos, converténdose así nun dos poucos xacementos nos que conflúen todos estes achados nun mesmo lugar. En 2012 atopáronse ademais preto dun cento de pinturas e gravados rupestres cunha antigüidade de máis de 20.000 anos. É tamén un xacemento paleontolóxico único que acubilla os restos máis occidentais do oso cavernario (Ursus espeleaeus).

Estes valores, especialmente a presenza de pinturas rupestres, deberían ter implicado a incoación de oficio dun expediemnte de declaración de BIC (ben de interese cultural), a Xunta leva 3 anos reusando esta obriga legal malia a terllo solicitado xa dúas veces, solicitudes apoiadas por outras institucións, colectivos sociais e políticos. O que aconteza coa cova de Eirós, a nosa Altamira e Atapuerca a un tempo, determinará o futuro dos demáis elementos do noso patrimonio arqueolóxico: se a máxima categoría legal de protección non é suficiente para garantir a conservación desta cova, entón ningún ben estará a salvo.

Custodia e voluntariado: un movemento imparábel

Un número crecente de persoas comprometeron en 2015 o seu traballo voluntario para recuperar ríos, costas, charcas, bosques, patrimonio arqueolóxico… Son milleiros os voluntarios e voluntarias os que cada ano e en maior número saen a limpar as costas, vixiar os ríos, construir charcas, recuperar castros, conservar os bosques… O voluntariado ambiental e os proxectos de custodia do territorio onde a sociedade está presente e as administracións as máis das veces ausentes, conforman unha oportunidade de futuro para a nosa Natureza.

É precisamente a esas persoas ás que ADEGA quere agradecer o seu compromiso solidario convidándoas, convidándovos, a que neste 2016 encetedes ou manteñades o voso esforzo xeneroso a prol do noso ambiente, do noso país.  

Grazas e ecolóxico 2016

Fins Eirexas, secretario executivo de ADEGA

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal