Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA cuestiona o novo baleirado artificial do...
10-12-2015
No outono recárganse os humidais e chegan as aves invernantes. Mais na lagoa Frouxeira o que retornan son as palas mecánicas á praia para a abrir a lagoa e evitar a inundación dun paseo marítimo que nunca debeu ser construído e menos aínda autorizado. Como consecuencia altérase cando non se destrúe a barreira litoral, provocando o desaugadoiro da lagoa, e o inicio dun longo período de aridez no humidal xusto cando máis auga debería conter. Este comportamento contrario ás tendencias naturais provoca unha grave afección sobre o estado de conservación dos hábitats e as poboacións de flora e fauna acuática, así como sobre a estrutura e o funcionamento ecolóxico deste humidal.
Para lexitimar este proceder, a Xunta aprobou un Plano de Conservación (Decreto 30/2015), con ben pouco rigor científico e técnico, e cuxas determinacións resultan, na nosa opinión, contrarias aos acordos internacionais que amparan a protección dos humidais (Convenio Ramsar), así como á normativa europea (Directiva Hábitats), estatal (Lei 42/2007) e galega (Decreto 127/2008; Decreto 37/2014). A aprobación deste Plano realizouse ademais sen o apoio das organizacións ambientalistas e sen o aval das universidades e centros de investigación galegos.
Nada máis aprobado, o Plano de conservación do humidal foi xa incumprido pola Xunta de Galiza: as plantas exóticas invasoras seguiron medrando sen control, mentres que superficies ocupadas por hábitats prioritarios foron rozadas. Os usos públicos tampouco melloraron: séguese permitindo a circulación e aparcadoiro de vehículos sobre hábitats moi sensibles e tolerando a presenza de cans soltos sobre o sistema dunar e o humidal en época de cría de especies protexidas.
Porén, a actuación máis agresiva consiste no beleirado artificial con maquinaria pesada dunha lagoa con 5 figuras de protección ambiental, xestionada pola Xunta como un estanque urbano. O espectáculo deste ano foi ademais bastante chafalleiro: os técnicos da Xunta iniciaron a apertura esta pasado día 4, contravindo os criterios fixados no Decreto 30/2015. Alterouse a barreira litoral etratouse de enmendar o erro abrindo unha nova canle ao día seguinte (e van dúas), que tampouco se axusta ás especificacións establecidas no Plano de Conservación!
Todas estas “actuacións”, cun custo de milleiros de euros, por non falar dos impactos ambientais, serían innecesarias se as administracións remodelaran un paseo marítimo mal executado, asumindo as súas responsabilidades (a repartir entre o concello de Valdoviño, a Xunta e a Dirección Xeral de Costas) na nefasta planificación urbanística na Frouxeira. Facer que os usos urbanos (un paseo mal construído e unhas vivendas que nunca deberon ser autorizadas) prevalezan sobre a conservación dun espazo natural multiprotexido, e non reverter os erros cometidos amosa o escaso compromiso das administracións coa nosa biodiversidade, precisamente agora que no Cumio do Clima de París estase a destacar a importancia de conservar as zonas húmidas para loitar contra o cambio climático.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal