ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / A recollida porta por porta reduce nun 57% o lixo...

20-11-2015

A recollida porta por porta reduce nun 57% o lixo que manda Ferreira a SOGAMA

Vai facer agora un ano que o Concello de San Sadurniño iniciou en 20 lugares de Ferreira e un de Naraío un programa piloto de recollida selectiva de lixo porta por porta e compostaxe. Distribuíronse colectores máis pequenos, colocáronse máis preto das casas e fíxose unha campaña de información para que a xente separase os residuos correctamente en orixe buscando, principalmente, reducir a fracción orgánica da bolsa, que supón habitualmente arredor dun 40% de todo o que se tira. Ademais o sistema emprega un pequeno furgón en vez do grande camión compactador que percorre o resto do municipio.

As cifras apuntan a que, no que levamos de ano, na zona do proxecto conseguiuse baixar nun 57% o lixo recollido con respecto ao ano pasado, ao tempo que se abarataron os custes da recollida. Porén, un dos números máis destacados é o que fala do que se lle paga a SOGAMA polo tratamento: O lixo de Ferreira supuxo en 2014 unha media de 155 € mensuais que, co novo sistema, baixa a tan só 66 €. O Concello, que presentou os resultados nesta parroquia hoxe á tarde, estenderá agora o sistema ás zonas altas de Naraío e Igrexafeita.  

A comparativa entre 2014 e o período comprendido entre xaneiro e outubro de 2015 é clarificadora. O ano pasado en Ferreira recolléronse unha media de 2.100 quilos de lixo ao mes que viñan sendo arredor de 0,76 quilos de lixo por persoa e día. Agora a media é sensiblemente máis baixa, posto que se rebaixou ata os 903 quilos/mes ou, dito doutro xeito, tan só 326 gramos de lixo por persoa e día que van para SOGAMA, posto que o resto -cartón, vidro e plástico- lévano empresas de reciclaxe.   

Estes números permitiron rebaixar case 90 euros a factura do tratamento no ámbito do proxecto, posto que se pasou dunha media de 155 euros mensuais a algo máis de 66. Porén o aforro non reside unicamente nesta importante rebaixa, senón tamén en como se fan agora as cousas. E é que nos 21 lugares onde se desenvolveu a iniciativa piloto -20 da parroquia de Ferreira e un de Naraío- tamén se fixo un cambio no sistema de recollida, consistente en modificar o percorrido e substituír o camión compactador por un pequeno furgón máis manobrable, con menor consumo e tamén menores custes de mantemento.  

Entre o que baixa a factura de SOGAMA e o custe da recollida, o departamento de Servizos calculou que só en Ferreira se pechará o ano cun aforro duns 1.368 euros. Unha cifra que daría para cubrir durante mes e medio os gastos do camión compactador que lle dá servizo ao resto do municipio. Alomenos polo momento, xa que os resultados de Ferreira ratifican a intención do Concello de que o sistema porta por porta se amplíe a outras zonas.

Os próximos núcleos en beneficiarse do novo modelo de recollida serán os lugares máis elevados das parroquias de Naraío e Igrexafeita que, se ben non son os que máis lixo xeran, si son os máis custosos de atender co camión compactador por mor da distancia ao centro urbano e do desnivel que se debe salvar para chegar a eles.   Igual que ocorreu en Ferreira, nesa área desenvolveremos unha campaña informativa que irá acompañada da distribución de illas de colectores máis próximas ás vivendas e con catro apartados: un verde para o vidro, outro azul para o papel e o cartón, un amarelo para plástico, latas e bricks e un cuarto colector gris para o resto de residuos, como poden ser zapatos vellos e residuos que non encaixarían nos outros depósitos.  

Non haberá colector para o orgánico -que supón arredor do 40 por cento da bolsa do lixo- xa que esa fracción formada principalmente por mondas e restos de comida debe procesarse en cada casa como se fixo toda a vida, ben como mantenza dos cochos e outros animais, ben botánda no esterco ou ben por medio da compostaxe, que non deixa de ser unha evolución da esterqueira tradicional. Para iso tamén se repartirán pola zona pequenos composteiros e dende ADEGA ofreceranse consellos sobre como utilizalos para conseguir un sustrato fertilizante que despois se poida empregar en plantas e morteiros.  

O Concello agarda repetir nesas áreas o éxito alcanzado nos últimos meses en Ferreira. A titular da área de Servizos, Amparo Calvo, destacou que o sistema porta por porta "está funcionando gracias á concienciación e á implicación da xente no proxecto". A concelleira explica que este modelo de recollida "só supón un pequeno cambio de hábitos" ao que, segundo asegurou, "é moi doado adaptarse". Calvo incidiu, ademais, en que a recollida domiciliaria "é un servizo que baixa considerablemente os custes económicos e tamén os ambientais".

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal