ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA establece lazos coa India a través da Casa...

22-10-2015

ADEGA establece lazos coa India a través da Casa de Galiza e da Universidade de Santiniketan

Na Casa de Galiza da India

A presidenta da Fundación Eira, Adela Figueroa Panisse, e a presidenta de ADEGA na delegación de Lugo, Montserrat Lombardía, atópanse estes días a Santiniketan, no Estado de Kolkata  (Calcuta) da India. Esta estadía dnha semana no país asiático acontece no marco dunha colaboración entre a Fundación Eira (que rexe o equipamento educativo e cultural Eira da Xoana) e a Casa de Galiza da India, en Santiniketan, alí chamada “Galisarbari”, para cumprir cun dos compromisos establecidos entre ambas entidades: o intercambio de experiencias no eido da educación ambiental e cultural. Durante estes días,  o fundador da recentemente estreada Casa de Galiza na India, o galego Xosé Paz Rodríguez, abre amablemente as portas do seu lar a ADEGA e á Fundación Eira, para mostrarlles o seu proxecto educativo para crianzas e mulleres, no que a cultura galega está moi presente.

Aprender de Rabindranath Tagore, a través de Xosé Paz

As presidentas da Fundación Eira e ADEGA-Lugo con Xosé Paz

Na pasada primavera, o director e promotor  de “Galisarbari”, Xosé Paz Rodríguez, acudiu á casa de ADEGA, a Eira da Xoana, no Día da diversidade cultural e natural, para transmitir a súa experiencia como fundador da Casa de Galiza na India e tamén como profesor de Pedagoxía durante máis de dez anos na Universidade tagoreana de Santiniketan, fundada polo primeiro Premio Nobel en Literatura da India, Rabindranath Tagore. Foi alí onde xurdiu a oportunidade de promover un achegamento entre Galiza e a India a través da Fundación Eira e de ADEGA e, doutra banda, do profesor Xosé Paz, que actualmente vive entre a India e Ourense, onde tamén exerceu como profesor do Campus ourensán da Universidade de Vigo e onde agora imparte palestras sobre a educación de crianzas.

O galego Xosé Paz tamén é grande experto sobre a figura de Rabindranath Tagore e das súas ideas no campo da Pedagoxía, as cales se poñen en práctica na Universidade de Santiniketan onde hai 14 facultades e se forman máis de 15.000 alumnos e alumnas.  Nesta institución o Dr. Paz imparte Educación ambiental e respecto pola Natureza e a Paz, que son os eixos pedagóxicos que rexen no currículo deste Campus. Alén destas materias, e Universidade tagoreana tamén confire moita relevancia ás manifestacións artísticas, xa que o seu fundador, Rabindranath Tagore, cultivou todas as ramas das artes, nomeadamente a Música, na que foi un grande innovador. Tagore foi tamén grande amigo de Ghandi e un dos pensadores máis influíntes na Filosofía hindú, feitos que tamén deixaron pegada no modelo pedagóxico desta Universidade.

Unha grande oportunidade

ADEGA asiste ás aulas da Universidade tagoreana de Santiniketan

Por todo isto, esta viaxe á India de ADEGA e da Fundación Eira ofrece grandes expectativas para recoller novos coñecementos e unha boa oportunidade para observar  outras perspectivas e métodos de traballo no eido da Educación ambiental e cultural que poderían ter aplicación no ámbito galego. As presidentas de ADEGA e da Fundación Eira tentarán empaparse de toda esta sabedoría durante varios días, en compañía do Dr. Paz Rodríguez, e ao mesmo tempo amosarán a súa experiencia no eido ecoloxista e educativo e a súa disposición a fomentar novos lazos de colaboración. Adela Figueroa xa impartiu unha charla nunha das aulas da Universidade de Tagore sobre os vertidos radioactivos na Foxa atlántica e o importante papel que desenvolveu o Ecoloxismo galego na erradicación deses vertidos.

Audios

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal