ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / A Alianza Rural insta á Xunta a prohibir as...

15-10-2015

A Alianza Rural insta á Xunta a prohibir as plantacións de Eucalyptus nitens en todo o país

Unha recente sentenza da Audiencia Nacional ratificou a prohibición de plantar E. nitens nunha parcela asturiana como pretendía ENCE. A peritaxe científica foi demoledora: esta especie ten forte carácter invasor e é un risco para a biodiversidade

Unha sentenza histórica contra o eucalipto que senta xurisprudencia

Eucaliptos sobre flora endémica

A filial de ENCE en Asturies, CEASA, recorríu en contencioso perante a decisión do Ministerio de denegar unha plantación con Eucalyptus nitens en terreos do dominio público marítimo-terrestre outorgados á pasteira. A Audiencia Nacional fallou finalmente a favor da administración e contra os intereses da celulosa baseándose nun informe do Comité Científico de flora e fauna silvestres do Ministerio que non deixaba lugar a dúbidas:

"El cultivo en nuestro territorio de la especie exótica Eucalyptus nitens para plantaciones, se considera muy peligroso debido al carácter invasor..."

"...concluimos que E. nitens es una especie exótica naturalizada y en expansión, con alto riesgo de invasión y muy peligrosa para el mantenimiento de la biodiversidad y la funcionalidad de los ecosistemas."

As recomendacións do Comité Científico citadas expresamente nos fundamentos da sentenza foron tamén moi claras:

"El Comité Científico recomienda en relación a la consulta CC 0172012, no permitir la plantación de E. nitens (...) por considerarla especie exótica naturalizada, muy peligrosa por su carácter invasor y por su potencial capacidad para transformar el medio y bloquear el ecosistema".

A imparábel extensión do E. nitens perante a pasividade da Xunta

En Galiza, as plantacións de E. nitens son cada vez máis frecuentes, chegando a espazos antes vetados para o E. globulus, dada a maior resistencia do primeiro a climas fríos. Xa non é unha rara excepción atoparmos plantacións de eucaliptos (E. nitens, obviamente) en áreas do interior de Lugo e Ourense e zonas altas de Pontevedra, nas que o E. globulus non se desenvolve ben.

E isto está a acontecer perante os fuciños da Xunta, que anda enleada coa reforma do Plano Forestal de 1993, para, entre outras cousas, consolidar a actual estensión do E. globulus, regulamentar o E. nitens, estender a biomasa e abrirlle a porta aos cultivos enerxéticos. Isto é o que dende a Alianza Rural (ADEGA, CIG, FRUGA e ORGACCMM) tiramos da documentación -enquisas- que dentro do proceso de participación pública, Medio Rural está a fornecer aos membros do Consello Forestal.

Preguntas tais como "Considera novamente E. globulus como especie subvencionable, en aras a reducir o emprego de E. nitens en áreas tradicionais de plantación de E. globulus?" ou "En estacións propensas, considera necesario relanzar as repoboacións de E. globulus en detrimento do E. nitens?", que acadan unha importante aceptación unidas á valoración positiva que se fai da biomasa como "oportunidade de negocio para o sector", deixan entrever cara onde quere a Xunta que vaia este novo Plano Forestal: redoblar a aposta polo eucalipto, diferenciando as especies por territorios e usos: o E. globulus seguirá a ocupar as zonas costeiras e de baixa altitude, deixando o E. nitens para o interior e zonas frías. Pola súa escasa capacidade de rebrote, o E. nitens usarase preferentemente para madeira (turnos de 25-35 anos) e pasta (10-15 anos), mentres que o E. globulus valerá tamén para biomasa combustíbel (5-6 anos), aliás de para pasta e taboleiro.

Unha guía de actuación para as administracións: evitar a extensión do E. nitens

Quen seremos nós sen os nosos bosques?

Tendo en conta as consideracións do ditame do Comité Científico ministerial e as recomendacións do Convenio de Nacións Unidas sobre a Diversidade Biolóxica, ratificado por España en 1993, que no seu artigo 8.h estabelece que “cada Parte Contratante, na medida das súas posibilidades, impedirá que se introduzan, controlará, ou erradicará as especies exóticas que ameacen os ecosistemas, os hábitats ou as especies", dende a Alianza Rural Galega (ADEGA, CIG, FRUGA e ORGACCMM) demandamos da Xunta e Ministerio:

-A prohibición das plantacións de E. nitens en terreos de dominio público (costas, hidráulico...) por ser contraria ao interese público (sentenza 300/2015 da Audiencia Nacional).
-A prohibición das plantacións de E. nitens na Rede Galega de Espazos Protexidos, por poñer en perigo o mantemento da biodiversidade e a funcionalidade dos ecosistemas.
-A non autorización das plantacións de E. nitens naqueles espazos nos que polas súas características ecolóxicas (bosques de ribeira, paisaxes en mosaico, turbeiras, bosques caducifolios, matogueiras húmidas, etc.) o carácter invasor do E. nitens pode poñer en perigo a biodiversidade e os usos ecosistémicos.
-A criazón, en base ás competencias do Estatuto de Galiza, e con carácter urxente dun Catálogo Galego de Especies Exóticas e Invasoras no que entre outras especies, debería estar incluido o E. nitens, para artellar as necesarias medidas de prevención e erradicación desta especie invasora.

Ligazóns

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal