ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Este 27 de setembro VIII edición da limpeza...

25-09-2015

Este 27 de setembro VIII edición da limpeza simultánea dos ríos galegos

O Proxecto Ríos leva organizando dende o 2008 este día de Limpeza Simultánea en numerosos concellos de Galiza. É un día no cal voluntarios e voluntarias saen aos seus ríos para recoller o lixo que atenta contra a riqueza dos nosos ecosistemas fluviais. Miles de quilogramos de refugallos xa foron extraídos de moitos ríos galegos polos centos de persoas que teñen participado nas limpezas anteriores.
Animámosvos a participar este ano para que vaiades ao voso río e recollades ese lixo que acaba coa súa biodiversidade e beleza. O máis importante deste día é a labor de concienciación social que entre todos e todas realizamos. Axúdanos a manter un bo estado de conservación nos nosos ecosistemas fluviais!

Grazas á colaboración de 54 entidades, en 2014 retiramos máis de 12 Tn. de lixo e participaron un total de 540 voluntarias/os de 43 concellos en 49 ríos en toda Galiza. O máis importante é que ano tras ano conseguimos concienciar un pouco máis á sociedade da necesidade de manter limpos os nosos ríos de residuos como premisa para a conservación da súa saúde.
Este ano tamén queremos volver a contar coa vosa axuda para levar a cabo a VIII xornada de limpeza simultánea en ríos.
Como en anos anteriores, o Proxecto Ríos entregará aos grupos participantes un protocolo para difundir a limpeza ecolóxica e respectuosa dos ecosistemas fluviais, ademais de editar cartaces divulgativos para cada zona cun teléfono de contacto para que se apunten as persoas que queiran participar e tamén repartiremos as tradicionais camisetas para o voluntariado.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal