ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / No que vai de ano SOGAMA gastou en incineración e...

18-09-2015

No que vai de ano SOGAMA gastou en incineración e vertido 468 millóns de € e só 0,09 en compostaxe

A incineradora de Cerceda e o modelo SOGAMA que apoia a Xunta baseado na incineración e o vertido dos residuos urbanos, é un perfecto exemplo de desbaldimento de recursos e de ruína para as arcas públicas.

SOGAMA segue papando inxentes cantidades de cartos públicos. No que vai de ano, e alén do gasto corrente, a incineradora e o vertedoiro consumíron un mínimo 468,84 millóns de €. Pola contra, para a compostaxe -prioritaria por lei- só houbo 0,09M€.
Son as cifras que se tiran da plataforma de contratos públicos de Galiza (contratosdegalicia.es) na que se pode rastrexar a actividade licitadora de SOGAMA e ver cantos cartos adxudicou o ente a que proxectos.

O gasto máis elevado coresponde a un contrato de 335 millóns de € para "CONSTRUCIÓN DUNHA PLANTA DE CLASIFICACIÓN DE MATERIAIS CONTIDOS NOS RESIDUOS URBANOS E O SEU SERVIZO DE OPERACIÓN, MANTEMENTO E LIMPEZA, A OBRA DE MODIFICACIÓN DA ACTUAL PLANTA DE RECICLAXE, TRATAMENTO E ELABORACIÓN E COMBUSTIBLE PARA A CLASIFICACIÓN DE MATERIAIS E O SEU SERVIZO DE OPERACIÓN, E MANTEMENTO E LIMPEZA".

Dito así semella unha obra -carísima, por outra banda- de millora da separación, reciclaxe e valorización á que optan empresas como FCC, Acciona, OHL, entre outras. Mais se imos ao prego de condicións atopámonos que en realidade este contrato, malia ao seu eufemístico título, resulta que:
"O alcance fundamental deste contrato [...], será o de garantir en todo momento, durante as 24 horas do día, o fluxo de alimentación de Combustible Derivado de Residuos (CDR) en cantidade e calidade óptimas para o correcto funcionamento das dúas caldeiras da Planta Termoeléctrica (PTE) do Complexo Medioambiental de Cerceda (CMC)."
Isto é, manter os fornos da incineradora -a "solución final" do PP- funcionando a pleno rendemento as 24 horas do día.
E se os fornos crematorios non poden queimar todos os residuos que lle chegan, pois o seu destino (mesmo da materia orgánica que por lei debe ser separada e compostada) é o vertedoiro da Areosa, no que xa se amorean millóns de toneladas de lixo:
"No caso de que a PTE se atope parada ou sexa incapaz de absorber todo o combustible producido nas instalacións, e en concreto da PRTE [Planta de Reciclaxe, Tratamento e Elaboración de Combustible], disponse dun almacén cunha capacidade duns 47.000m3 para almacenar o CDR producido, o cal será utilizado naqueles momentos nos que a PTE requira este e a PRTE non sexa capaz de proporcionarllo. Debe terse en conta que a capacidade de valorización enerxética de CDR por parte da PTE está limitada, polo que será necesario o transporte ao Vertedoiro de Areosa por parte do adxudicatario a súa costa, de forma continua, dunha parte dos rexeitamentos procedentes da planta de Clasificación de materiais contidos nos RU, así como de todo ou unha parte do excedente de materia orgánica, tamén considerado como un rexeitamento desta planta."

Outros "investimentos" millonarios de SOGAMA este ano, relacionados coa incineración e o vertido son por exemplo, os 2,20 millóns de € que gastou a incineradora en calcaria e dolomita, rochas necesarias para manter o leito fluidizado nas caldeiras. Ou os 450.000€ gastados na ampliación do vertedoiro para as cinzas (residuos altamente tóxicos) que xera a incineradora e que deben ser tratadas separadamente.

Chama a atención tamén o mega-gasto de 131 millóns de € que a sociedade semipública vai facer para transportar por tren a Cerceda os residuos urbanos (80% de auga) de toda Galiza para seren incinerados e soterrados. Outra mostra máis (e outro gasto escandaloso) da ineficiencia do caduco sistema SOGAMA: gastar cartos en mover auga a Cerceda; alí gastar máis cartos en eliminar a auga (queimando gas natural) dos residuos para poder incinerar o resto, e o sobrante, ao vertedoiro.

Finalmente, resulta anecdótico que para promover a compostaxe da materia orgánica, destino prioritario por lei desta fracción (50% do total do lixo), SOGAMA adique a ridícula cifra de 90000€. Unha mostra do respecto que a actual Xunta ten pola lei e do pouco que lle interesa aforrar millóns de € de cartos públicos.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal