ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA denuncia o asfaltado dun aparcadoiro na...

09-09-2015

ADEGA denuncia o asfaltado dun aparcadoiro na contorna protexida da Igrexa de Trobo

No pasado mes de maio, o concello de Begonte levou a cabo as obras dun aparcadoiro na contorna da Igrexa de Trobo onde se atopan inventariados e catalogados un cemiterio e un cruceiro, ambos os dous próximos tamén a un castro, que contan cun perímetro de protección. Alén disto, as obras realizáronse en terreos catalogados como de solo rústico e previamente dedicados a prado e que foron cedidos pola veciñanza ao concello para a realización de dito aparcadoiro.

As obras consistiron nun recheo con grava dun espazo aproximado de 900 m2 de superficie e cunha altura de 1,2 m, para o que se construíu un muro de contención con cachotes de pedra de grandes dimensións, así como o asfaltado da mencionada superficie. O asfaltado foi levado cabo polo concello de Begonte e o recheo foi foi efectuado pola empresa “Transportes y excavaciones Antonio”.

Segundo o disposto  pola Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, os concellos teñen a obriga de protexer, defender e realzar o valor cultural dos seus bens patrimoniais inventariados e/ou catalogados, salvagardándoos dos feitos que os poñan en risco ou ameaza. A lei tamén indica que debe de ser a Consellaría de Cultura a que autorice calquera obra que poida ameazar ditos bens patrimoniais ou que poida implicar risco de destrución ou deterioro dos mesmos, establecendo as medidas protectoras ou correctoras que considere necesarias. O impacto que as obras do aparcadoiro tiveron no territorio protexido do conxunto etnográfico da Igrexa de Trobo fai desconfiar a ADEGA da existencia da pertinente autorización da Consellaría de Cultura para a realización das mesmas e, incluso, de que o organismo autonómico fose informado dos feitos.

Por iso, ADEGA vén de solicitar á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural información sobre a existencia de ditos permisos e, no caso de non existiren, a organización ecoloxista pídelle á Xunta que dispoña as medidas legais necesarias para que as actuacións realizadas polo concello de Begonte se adapten á normativa vixente e, por conseguinte, se restitúa o espazo afectado ao seu estado previo.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal