ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Un recheo máis para a ría de Ferrol.

21-07-2015

Un recheo máis para a ría de Ferrol.

Traballos de deitado nas instalacións de Navantia-Fene

Que fai uns cantos anos a ría de Ferrol era unha das máis produtivas de Galiza e agora está pola cola na cantidade de mariscos extraídos, é un feito innegable. Se esta situación se da é en gran medida pola perda de espacio físico no que criar mariscos, polos moitos recheos que se teñen acometido na ría, ademais de que se seguen vertendo augas fecais e outros produtos contaminantes.

Os nosos dirixentes e as administracións encargadas de xestionar os recursos do país, deberan mudar a concepción que temos dos entornos mariños. Aínda que acotío escoitamos por boca de moitos representantes públicos que se lle “gana terreo ao mar”, en realidade, o que está a xustificar é o caso contrario, a perdida de hábitats mariños, de hábitats que forma parte dun entorno único, posto que as rías son entornos pouco comúns na xeografía mundial, e non existe outra zona do mundo cunha concentración tal como en Galiza.

O recheo que se está a levar a cabo neste días, non é en si unha catástrofe para a ría, pero afonda no seu deterioro. Os veciños e veciñas que vivimos ao redor da ría de Ferrol debéramos reflexionar sobre se é conveniente que a Ría siga a perder espazo e continúe a deteriorarse, ou se pola contra debéramos ter outra concepción das zonas de produción de mariscos (pois a pesar de todo, a ría segue a ser principalmente unha zona de produción).

É aceptable continuar a “ganarlle terreo ao mar” e seguir degradando a Ría? Ou hai outra forma de vivir da ría sen degradala? 

Que a ría está a desaparecer pouco a pouca é un feito que debe darnos que pensar.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal