ADEGA

Inicio / Novas / Todas / 3 de xullo: Día internacional sen bolsas de...

02-07-2015

3 de xullo: Día internacional sen bolsas de plástico

Uso efímero, impactos permanentes

O xesto de coller os nosos produtos en bolsas de plástico fíxose tan habitual que até nos parece o máis normal. Mais, en realidade... sabemos todo o que esa acción implica?

A fabricación das bolsas de plástico é un proceso moi complexo e contaminante, xa que os materiais proveñen do petróleo (ao igual que todos os plásticos). Mais este complicado proceso non se ve compensado co uso da bolsa porque estas só se utilizan, de media, uns 25 minutos.

Logo de usalas o máis habitual é incineralas ou tiralas en calquera lugar, tendo as dúas accións consecuencias moi graves para o medio ambiente: emisión de gases, partículas contaminantes nos solos, tempo de degradación de entre 100-500 anos, morte de tartarugas, aves e outros animais mariños porque as confunden co alimento, etc. Pensade que o 80% do lixo que aboia no mar é plástico.


O que podes facer ti como usuario/a ou comerciante

Entón, que podemos facer nós? O primeiro paso, que está realmente nas nosas mans é non usalas. Podemos empregar no seu lugar bolsas de tea, fécula de pataca ou de papel reciclado. E en último caso, empregar bolsas reutilizábeis. Aínda así, cabe recordar que a meirande parte dos produtos que mercamos xa veñen cun envoltorio de plástico... Nese caso a alternativa pasa tamén por mercar produtos a granel.

CAMPAÑA "POR UN COMERCIO LIBRE DE BOLSAS DE PLÁSTICO"

Para sensibilizar sobre esta problemática, dende ADEGA propoñemos aos comercios, comezando por Compostela, que non proporcionen aos seus clientes bolsas de plástico. Para que se poidan recoñecer publicamente, entrégaselles unha insignia indicativa -autocolante- que indica á clientela que o establecemento está libre de bolsa de plástico.

Iremos publicando as fotografías dos comercios no Facebook e twitter de ADEGA. Es responsable dun comercio e queres participar? Se queres facer parte desta campaña polo abandono das bolsas de plástico non tes máis que comunicárnolo por correo-e a adega@adega.gal ou ven chamando ao 981570099 e farémosche chegar o material. Logo, saca unha foto do logo no teu comercio fáinola chegar para así poder unirvos no listado de comercios libres de bolsas de plástico.

Finalmente podes compartir esta información e actuar no teu día a día porque realmente todos os días deberían de ser sen bolsas de plástico ou mellor aínda SEN PLÁSTICO!

Listaxe de establecementos sen bolsas de plástico (Compostela)

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal