ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA-Ferrolterra denuncia a corta dunha planta...

11-06-2015

ADEGA-Ferrolterra denuncia a corta dunha planta en perigo de extinción na praia de Santa Comba (Ferrol)

Herba becerra (Antirrhinum majus subsp. Linkianum)

Aproveitando a limpeza de praias que se desenvolreu en Santa Comba o pasado domingo, con motivo do Día dos Océanos, membros de ADEGA puidemos comprobar como no aparcadoiro desta praia existía unha planta en perigo de extinción, a “herba becerra” que ten por nome científico Antirrhinum majus subsp. Linkianum. Para a nosa sorpresa moitas destas herbas protexidas foron rozadas en todo o perímetro deste aparcadoiro.

Unha vez máis demóstrase o pouco interese que ten a administración polo medioambiente, e a deixadez nos mecanismos de control sobre as actuacións en zonas protexidas. ADEGA-Ferrolterra recorda que toda a costa aberta de Ferrol, incluíndo as praias, están dentro da Rede Natura 2000, e están declaradas ZEC (Zona de Especial Conservación) e ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves).

Dentro destes espazos protexidos existen varios hábitat prioritarios como as dunas grises (código 2030* da DH) como no que se atopa este grupo de herbas becerras, polo que esta situación é aínda máis grave.

ADEGA quere recordar que os desbroces con maquinaria en espazos protexidos non só son prexudiciais por non ser selectivos, senón porque poden ser un veículo de introdución de especies invasoras, se as máquinas son empregadas indistintamente na corta nun e noutros lugares e non son esterilizadas. De ser preciso realizar esta labor, debería facerse preferentemente a man tanto para evitar cortar “o que non se quere” como para non introducir especies invasoras.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal