ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Máis de 500 persoas participan na IV Limpeza...

09-06-2015

Máis de 500 persoas participan na IV Limpeza Simultánea de Praias

Durante a pasada fin de semana (5, 6, 7 e 8 de xuño), máis de 40 entidades e máis de 500 persoas sumaron os seus esforzos ao longo do litoral galego para limpar as praias e denunciar a problemática ambiental do lixo mariño na 4ª Limpeza Simultánea de Praias. Podes ver as fotos enviadas polos participantes e o mapa das limpezas. 

Desta vez sí acompañou o tempo, un sol radiante fixo as limpezas máis divertidas e levadeiras que nos anos anteriores, e centos de persoas achegáronse á costa para limpar os areais de Galiza celebrando o día dos océanos (8 de xuño). Algunhas limpezas adiáronse, polo que esta fin de semana aínda haberá limpezas en diferentes praias, en total suman un total de 30 praias  ao longo das 3 provincias costeiras.  

Coma nas dúas edicións anteriores participaron centros de ensino, surfeiros, ONG ecoloxistas, asociacións culturais, asociacións de mulleres rurais e até mariscadoras. Todas e todos tiñan o mesmo fin: limpar as súas praias e crear conciencia.  

Participaron máis de 500 perosas e recolléronse máis de 4.000 kg de lixo, a maioría de orixe plástico. Cordas de todo tipo, aparellos de pesca, caixas, botellas, tapóns, e ata un colchón. Houbo limpezas que aumentaron o número de voluntarios cando os propios bañistas se uniron á actividade, como en Fisterra.

E incluso houbo limpezas en barco, a limpeza organizada na ría de Vigo pola CEMMA recolleu 1 residuos cada 280 metros navegados, un dato alarmante no que se refire ao lixo mariño.

O lixo mariño é un dos graves problemas ambientais do planeta, as principais causas son: a insostibilidade dos modelos de consumo e produción da nosa sociedade, as malas estratexias na xestión dos nosos residuos e a falta de sensibilización da poboación. Todo iso fai que cada ano 10 millóns de toneladas de lixo rematen nos océanos. Moito deste lixo provén da industria do mar (pesca, extraccións...), pero unha grande parte chega a través dos ríos, debido a unha mala xestión en terra.

Máis de 1.000.000 de aves mariñas e 100.000 mamíferos e tartarugas morren cada ano enredados ou por inxesta do lixo mariño. Tamén pode afectar directamente á saúde humana, xa que moitos destes produtos conteñen substancias tóxicas, bioacumulativas e persistentes, que entran na cadea alimentaria. Por último outro dos graves problemas asociados a estes residuos, é que provocan perdas económicas importantes, debido a varios factores como son a diminución da pesca comercial, a degradación de lugares aptos para actividades recreativas e turísticas, ou o enorme investimento requerido para as limpezas de praias.   

ADEGA quere subliñar que as limpezas de praias non debe ser un feito illado, e convida a calquera persoa a recoller o lixo do noso litoral sempre que poida. As limpezas de praias deben facerse de xeito manual, respectando os ecosistemas dunares, e tendo especial coidado coa fauna e flora que nelas habita. O obxectivo principal deste tipo de actuacións é crear conciencia e alertar da cantidade de plástico que producimos e tiramos, e as consecuencias que isto ten.   

ADEGA editou para esta actividade un protocolo de actuación para unha limpeza de praias “ecolóxica” (abaixo en descargas). E tamén un poster divulgativo sobre a problemática do lixo mariño (abaixo en descargas). ADEGA agradece enormemente a participación de todas as persoas que organizaron e participaron como voluntarias en tódalas limpezas. Moitas grazas e morte ao plástico!!!

Ligazóns

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal