ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O voluntariado limpará praias en toda Galiza esta...

03-06-2015

O voluntariado limpará praias en toda Galiza esta fin de semana

29 praias e case 40 entidades

Con motivo do día Mundial dos Océanos, ADEGA organiza a IV Limpeza Simultánea de praias. Con esta convocatoria ADEGA dá continuidade ás limpezas realizadas en 2012 , 2013 e 2014 que sumaron centos de persoas neste día de reivindicación e voluntariado ambiental.

Este 2015 son 29 praias nas que haberá algunha actividade de limpeza esta fin de semana, participando case 40 entidades de moi diversa índole. Centros de ensino, asociacións ecoloxistas, concellos, entidades ambientais, fundacións, asociacións veciñais, de mariñeiros/as etc. participan nesta xornada de voluntariado e concienciación ambiental.

Sensibilizar sobre a problemática do lixo mariño

O obxectivo é claro: dar a coñecer a problemática ambiental do lixo mariño que afecta a todos os mares e océanos do planeta.

As limpezas de praias son actos simbólicos, nos que non se debe ver ao voluntariado como man de obra barata para deixar limpos os areais. Ben ao contrario, son actividades de concienciación e educación ambiental que permiten que a cidadanía coñeza a problemática dos residuos mariños, a súa procedencia e os impactos que causan, así como avaliar cais son as medidas que cada un de nós pode desenvolver para minimizar este problema.

Desde ADEGA editamos un Protocolo de limpeza de praias que se reparte entre as persoas participantes na xornada. No protocolo explícase de xeito sinxelo cais son os pasos a seguir antes, durante e logo da limpeza, para unha actuación ecolóxica. Ademais no protocolo faise fincapé noutros aspectos importantes dos ecosistemas litorais que deben ser coñecidos polos voluntarios e voluntarias que participen nesta actividade.

Un habitante moi especial

A píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) é un pequeno paxaro en situación de ameaza nas nosas costas, do que quedan moi poucas parellas en Galiza, polo que debemos protexelas. Esta ave aniña na parte alta da praia e os seus ovos están moi ben camuflados na area, polo que ao camiñar pola praia corremos o risco de pisalos.

Por iso non realizaremos ningunha limpeza en praias que estean consideradas como "áreas prioritarias de conservación" da píllara. Porén, existen praias que poden ser áreas potenciais para o aniñamento desta especie, e nas que faremos un seguemento especial comprobando previamemnte a presenza de niños. De feito noutras edicións da limpeza atopamos novas localizacións que contrinuiron a un millor coñecemento e protección desta ave en Galiza.

No caso de avistarmos algunha píllara os grupos de voluntariado poderán observar esta ave e recibirán a información precisa para coñecer un dos nosos tesouros naturais. A realización de limpezas manuais e de actividades de educación ambiental son algunhas das recomendacións do Plano de Conservación da Píllara das Dunas, vixente desde xaneiro de 2014, para millorar a situación da especie.

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal