ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / No Día Mundial da Biodiversidade, hai moita vida...

22-05-2015

No Día Mundial da Biodiversidade, hai moita vida no rural galego fóra do eucalipto!

A ONU proclamou o 22 de maio Día Internacional da Diversidade Biolóxica, para subliñar a importancia de conservar este patrimonio. Este ano o lema é "Biodiversidade para o desenvolvemento sustentábel". Na Galiza, unha manchea de colectivos sociais adscritos á campaña "Cousa de Raíces" queremos amosar as nosas experiencias para criar riqueza e dinamizar o rural, fuxindo dos monocultivos e o abandono que promoven algunhas institucións.

´Cousa de Raíces´: O mundo rural galego en movemento!

“Cousa de Raíces” xorde por iniciativa de ADEGA en 2014 e está aberta á participación de todas as persoas, entidades e colectivos dispostas a traballar por un mesmo obxectivo: defender o noso bosque autóctono e o noso patrimonio rural a través do seu coñecemento e posta en valor. Preto de 50 entidades, colectivos, asociacións e investigadores sumáronse xa a esta causa.

Neste 2015, no Dia Mundial da Biodiversidade (22 de maio), dende “Cousas de Raíces” queremos presentar unha serie de proxectos que se están a desenvolver por todo o territorio galego de posta en valor do noso monte máis alá do seu aproveitamento madeirábel, máis aló da ditadura do eucalipto.

Queremos dar a coñecer estas iniciativas que demostran a gran potencialidade do monte galego, a súa multifuncionalidade, a súa capacidade de xerar recursos, actividade económica e social e a súa enorme riqueza. E queremos facelo con proxectos reais que xa están a funcionar e que saíron da iniciativa popular, dos veciños e veciñas comuneiros, de colectivos sociais, do emprendemento privado, da xente que vive e quere ao noso rural e ao monte galego.

Iniciativas reais para o desenvolvemento sustentábel

Dende Cervo ao Incio, dende Porto do Son a Mondariz, na costa, na montaña e arredor das grandes urbes, unha manchea de colectivos sociais, comunidades de montes, propietarios/as e pequenas empresas, queremos amosar que é posíbel desenvolver as enormes potencialidades do rural galego, con inciativas baseadas na tradición e novidosas, e ao tempo, respectar o patrimio natural, histórico e cultural que acubilla e dalle aínda máis valor ois seus produtos.

Aproveitamento e recuperación dos soutos, apicultura e conservación do lobo, recuperación e comercialización das razas gandeiras autóctonas, silvopastoreo, cooperativas para loitar contra o lume e o abandono, recuperación e posta en valor do patrimonio etnográfico e arqueolóxico, roteiros culturais e servizos ecoturísticos, froitos do bosque, porco celta, produtos da castaña...

Unha manchea de inicativas froito do esforzo, colaboración e compromiso de quenes nos resistimos a aceptar que, como dixera o ex-conselleiro de Medio Rural Samuel Juárez, "El mundo rural no tiene futuro y está condenado a desaparecer".

Dende "Cousa de Raíces" queremos agradecer a todos os colectivos e asociacións que forman parte da campaña, a súa implicación no proxecto e a súa colaboración na elaboración deste pequeno documento. Convidamos a outras comunidades, colectivos, particulares, empresas ou sociedades que queiran promover e divulgar a súa experiencia sustentábel, e comprometerse cos nosos bosques autóctonos e patrimonio rural, a contactar e achegarnos as súas experiencias.

Entidades aderidas á campaña Cousa de Raíces

ADEGA, ADENCO, AGA, AGRUPACIÓN MICOLÓXICA A ZARROTA, ALIBÓS, ARTEU, AFG, ASOPORCEL, AGCT, ASOC. PATRIMONIO DE CASTROVERDE, BANDULLO ECOLÓXICO, CARBALLO VIVO, CASTIÑEIRO E NOGUEIRA, CDR ANCARES, CENTRO INVESTIGACIÓN LOURIZÁN, CHAO DE CASTRO-ALTAIR, COLECTIVO TERRA, COVA DA TERRA, CULTURA DO PAÍS, CVMC DE LOUSAME, CVMC SOBREIRAS DO FARO, CYCLOWOOD, EIRA DA XOANA, ENARBORAR O BOSQUE, ERVA, ESTRUGA, FACTORÍA DE IDEAS, FEG , FORO DO CAMIÑO, FRAGAS DO MANDEO, FROUMA FORESTAL, FRUGA, GRUPO HÁBITAT, HIFAS DA TERRA, QUERCUS SONORA, MARIÑAPATRIMONIO, MILHULLOA, NATURVIVA, ORGACCMM, OVICA, PETÓN DO LOBO, PLATAFORMA SARRIANA POLO RÍO , POLITÉCNICA (CAMPUS LUGO), POSADA MARRÓN GLAÇE, PROXECTO MONTENOSO, PROXECTO NEO, RIDIMOAS, RÍOS CON VIDA, SGO, SOBREIRAS DO ULLA, TESOUROS DE GALICIA,VERDEGAIA

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal