ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Fundación Eira e ADEGA presentan un roteiro...

16-05-2015

Fundación Eira e ADEGA presentan un roteiro divulgativo do Castro de Remonde

O folleto divulgativo estará dispoñible nas oficinas de turismo da comarca e no web oficial

A Fundación Eira da Xoana e ADEGA presentaron esta mañá o primeiro material divulgativo sobre o castro de Remonde e o seu contorno, editado coa colaboración da Vicepresidencia Primeira de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo. Trátase dun folleto divulgativo que aborda o castro e o seu importante contorno cultural e natural, propoñendo un roteiro para coñecer os seus principais elementos.

O folleto foi presentado dentro das Xornadas de Diversidade Cultural que organiza o 16 de maio a Eira da Xoana e como colofón a un roteiro que discurriu desde o Castelo de Pambre.   O tríptico, deseñado pola deseñadora luguesa Marta Castro (Estudo Ailalelo) ofrece unha imaxe moderna e desenfadada do castro e o seu conxunto arqueolóxico e histórico, representado pola fraga tradicional, o río Pambre e o castelo de Pambre, detallando un breve roteiro de dous quilómetros que permite a visita dos principais fitos deste enclave decisivo para a historia e a cultura da comarca da Ulloa. Estará dispoñible nas oficinas de turismo da zona e está pensado como a primeira carta de presentación do sitio arqueolóxico para os visitantes.  

O Castro de Remonde (Palas de Rei) é unha iniciativa pioneira na provincia de Lugo. Trátase dun dos primeiros sitios arqueolóxicos postos en valor por unha entidade privada, a Fundación Eira da Xoana, que adquiriu ata o momento parte deste importante espazo da Idade do Ferro para a súa conservación e posta en valor, cun programa de accións e actividades que irán gradualmente facendo máis coñecido e visitable este espazo arqueolóxico.  

O folleto tamén se poderá descargar a partir da semana que vén no web oficial do Castro: www.castroderemonde.net.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal