ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Convócase o V Concurso de Fotografía, Relato e...

21-04-2015

Convócase o V Concurso de Fotografía, Relato e Curtas polo Territorio

O prazo de presentación dos orixinais remata o 15 de setembro

V Concurso fotografía polo Territorio

ADEGA convoca unha nova edición dos Concursos polo Territorio, co gallo de ofrecer de novo á sociedade galega unha oportunidade de retratar o estado actual do noso territorio a través da imaxe e da palabra. Por quinto ano consecutivo, os certames pretenden facer partícipe a cidadanía galega na reivindicación dunha ordenación territorial sustentábel na que se freen as ansias especulativas dos poderes privados sobre o territorio en conivencia coa administración pública, e na que se propoñan alternativas máis coherentes coa defensa ambiental, coa cohesión social e coa posta en valor do noso patrimonio cultural.

Estes concursos enmárcanse dentro da campaña “Ponte no medio. Móvete polo territorio” e están patrocinados pola Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo.

ADEGA anima á participación nesta edición dos concursos, que o ano pasado superou as expectativas acadando 70 fotografías, 60 relatos e 10 curtametraxes. Consulta todas as bases a continuación.


V Concurso FOTOGRAFÍAS POLO TERRITORIO

As fotografías deberán ter como obxecto mostrar os efectos de actividades humanas que supoñen unha agresión ao noso país xa sexa contra o patrimonio, a cultura, a paisaxe ou a identidade territorial. Tamén se poden enviar fotografías que amosen exemplos de posta en valor do territorio.

Establécense dúas categorías de participación: a xuvenil, ata os 16 anos, e a de adultos/as, para maiores de 16 anos.

Premios: 1º Categoría Adulta; Diploma e 200 euros. 1º Categoría Xuvenil; Diploma e 150 euros.

Cada participante poderá presentar como máximo un total de 4 fotografías cos seus datos persoais e a localización xeográfica das imaxes, que poderán ser enviadas a ADEGA a través do e-mail: culturaeterritorio@adega.gal.

O prazo para presentar as fotografías remata o día 15 de setembro do 2015.



V Concurso de relatos O LUGAR ONDE VIVO

V Concurso relatos polo Territorio

Os relatos curtos poderán ser historias fantásticas, feitos reais ou experiencias propias sempre e cando o eixe do relato xire arredor das visións que a poboación galega ten sobre o lugar no que vive; como é, como foi, como quixeramos que fose, a importancia da súa conservación, as agresións sufridas polo mesmo, etc.

Establécense dúas categorías de participación: a xuvenil, ata os 16 anos, e a de adultos/as, para maiores de 16 anos.

Premios: 1º Categoría Adulta; Diploma e 250 euros. 1º Categoría Xuvenil; Diploma e 200 euros.

Cada participante poderá presentar un máximo de 2 relatos inéditos en lingua galega, que terá que enviar por correo postal ao enderezo de ADEGA-Lugo (Ronda das Fontiñas 180, Entrechán, 27002 Lugo) ou a través do e-mail: culturaeterritorio@adega.gal.

O prazo límite de presentación das obras remata o día 15 de setembro de 2015.

IV Concurso de curtametraxes E TI QUE É O QUE VES?

As curtametraxes de ficción, documentais ou animación deberán dar mostra de exemplos de posta en valor da nosa cultura e territorio e/ou denunciar aquelas actuacións que agreden os mesmos.

Cada participante poderá presentar un máximo de 4 creacións audiovisuais, que terá que enviar, en formato DVD, por correo postal ao enderezo de ADEGA-Lugo (Ronda das Fontiñas nº 180 Entrechán, 27002, Lugo). Tamén poderá subir as obras a algunha plataforma de intercambio de arquivos, (tipo Dropbox,....) e enviar a ligazón de descarga ao email: culturaeterritorio@adega.gal

Establécese unha única categoría para este concurso e dous Premios: 1º Premio; Diploma e 250 euros, 2º Premio; Diploma e 150 euros.

O prazo límite de presentación dos traballos remata o día 15 de setembro de 2014.

Libro-DVD

IV Concurso de curtas polo Territorio

Como novidade, a finais deste ano 2015 e para festexar esta quinta edición dos concursos, ADEGA realizará unha publicación (Libro-DVD) cos relatos, fotografías e curtametraxes premiadas en cada unha das edicións dos certames.

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal