ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Máis de 20 persoas eliminan acacias no río Liñares

17-03-2015

Máis de 20 persoas eliminan acacias no río Liñares

O pasado 14 de marzo, ADEGA desenvolveu unha actividade, xunto coa Asociación pola Defensa do Val do Liñares, de eliminación de flora exótica invasora na ribeira do río Liñares. Esta actuación enmárcase dentro do proxecto “Rede de voluntariado ambiental para a eliminación de especies invasoras en ecosistemas acuáticos”, que conta co apoio do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a través da Fundación Biodiversidad.

FOTOS da Xornada

A xornada comezou o sábado pola mañá. O voluntariado participante reuniuse na praza do concello de A Estrada desde onde se desprazaron ata o local das Mulleres Rurais de A Estrada na parroquia de Lagartóns. Alí o voluntariado recibiu unha charla sobre a problemática que as especies exóticas invasoras producen nos ecosistemas acuáticos e nos ríos en particular. Informóuselles sobre os seus dereitos e deberes e recibiron indicacións sobre a seguridade no uso das ferramentas que empregarían para a eliminación. Tamén se comentaron os antecedentes dos traballos desenvolvidos na mesma zona en 2013, cando se realizou a primeira actividade de eliminación de mimosas (Acacia dealbata) á beira do Liñares e unha plantación de árbores de ribeira. Estas actividades previas enmárcanse no proxecto de Custodia fluvial Ulla Umia Lérez, para o cal ADEGA e a Asociación para a Defensa do Val do Liñares posúen un acordo coa propietaria do terreo para realizar ditas actuacións.


A continuación, o grupo desprazouse ata a zona de traballo transportando a ferramenta necesaria. Alí comezaron as tarefas de eliminación. A pé de campo explicouse ao voluntariado cómo acometer a eliminación das partes aéreas e das raíces das mimosas que cubrían unha superficie de aproximadamente 1.000 m2. O traballo foi duro sobre todo polas condicións do terreo e pola pendente. Un grupo de voluntarios/as se dedicaron a eliminar as silvas (Rubus fruticosus) que dificultaban a eliminación das acacias. Porén, os traballos avanzaron rapidamente ao longo da mañá, e a hora de xantar á beira do río, máis da metade da mancha de A. dealbata estaba eliminada.

Pola tarde, continuaron os traballos de eliminación. Nos pés de mimosa que non se puideron arrincar de raíz, fixéronse aneis de descortizado para tentar esgotar a planta. Xa a última hora, e logo de recoller a ferramenta, o voluntariado cubriu a enquisa para valorar a actividade e deu un pequeno paseo disfrutando da beleza do río Liñares.

A xornada rematou ás 18:00 coa participación de 20 voluntarios/as. ADEGA agradece a súa participación e espera que aprenderan e disfrutaran da xornada, a súa función agora será divulgar a súa problemática entre os seus achegados, para que entre todos e todas consigamos frear esta ameaza ambiental.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal