ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA reclama máis protección para o dique mareal...

24-02-2015

ADEGA reclama máis protección para o dique mareal da Cabana e o núcleo histórico da Graña

Reconstrucción de como quedará a enseada da Malata se se fai o tren.

ADEGA e as AA.VV. da Cabana e da Graña, que forman parte da plataforma Salvemos A Malata, queren manifestar que o acceso ferroviario ao porto exterior pola Malata pon en serio perigo o dique mareal da Cabana e o núcleo histórico da Graña. As tres entidades, xunto con máis doutros vinte colectivos, teñen presentado alegacións conxuntamente en contra do trazado sur do tren ao porto exterior.

Este dique, o único que se conserva destas características en Galiza e posiblemente na Península Ibérica, aínda está en perfectas condicións de uso e, do mesmo xeito que a Unesco puxo en valor que a Torre de Hércules seguía sendo un faro en uso para a súa declaración como Patrimonio da Humanidade, este dique do século XVIII,  tamén en uso, forma parte da candidatura de Ferrol a patrimonio da humanidade principalmente por este motivo.

Se o proxecto de construción do tren ao porto exterior se desenrola pola alternativa sur (como todo parece indicar aínda que non haxa confirmación oficial), o viaduto que cruzará a Malata imposibilitará a navegación cara o interior da enseada e polo tanto o acceso por mar ao dique.

Por iso, das 4 categorías de impacto que se contemplan na declaración de impacto ambiental (compatible, moderado, severo e crítico), a construción do viaduto provocará un “impacto crítico” xa que a alteración provocada pola infraestrutura non ten posibilidades de recuperación, en vez dun “impacto severo” como di a empresa que está a elaborar o estudo construtivo.

A pasarela peonil que o Ministerio de Fomento prevé como medida compensatoria polos inconvenientes que provocará esta obra, pode tamén provocar grandes prexuízos para este dique mareal polo próximo que pasa del, segundo se puido constatar ao revisar o informe arqueolóxico feito pola empresa que está a elaborar o proxecto construtivo. Así mesmo, o núcleo urbano da Graña, que tamén se recolle no informe arqueolóxico, poderase ver afectado polas obras desta infraestrutura, pois o túnel previsto na alternativa sur pasará xusto por debaixo.

ADEGA e as dúas asociacións de veciños (A Cabana e A Graña) manifestan a súa preocupación polo futuro destes dous bens de interese patrimonial e arqueolóxico e reclaman da administración que se dean os pasos necesarios para asegurar a protección tanto do dique como do núcleo histórico da Graña.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal