21-01-2015
Unha vez máis atopámonos co mesmo conflito: a ubicación dunha planta de tratamento de residuos xera oposición veciñal, normalmente dos habitantes contorna e informados en moitos casos polo partido político da oposición. En principio, o feito é é facilmente entendíbel xa que a ninguén lle gosta ter unha morea de residuos preto, e se non que lle pregunten á xente de Cerceda.
O problema é cando se confunde intencionadamente un vertedoiro ou unha empacadora de SOGAMA cunha planta de compostaxe. Unha cousa non ten absolutamente nada que ver coa outra: un vertedoiro (como o de Areosa en Cerceda) é un lugar onde se amorean todo tipo de residuos mesturados e sen reciclaxe provocando un forte impacto ambiental e contaminación do solo, auga e ar. E unha incineradora (como a de SOGAMA, tamén en Cerceda) é un lugar onde se queiman os residuos mesturados, tamén sen reciclaxe, emitindo ao ar metais pesados e substancias canceríxenas como as dioxinas,. Ninguén querería vivir ao lado dun vertedoiro ou dunha incineradora!
Mais cando falamos dunha planta de compostaxe, non debemos confundila cunha incineradora ou cun vertedoiro. A unha planta de compostaxe chegan os residuos orgánicos previamente seleccionados en orixe, e mediante un proceso natural transfórmanse en compost, un excelente abono, igual que leva ocorrendo na natureza durante miles de anos e nos nosos campos de cultivo. No rural galego os restos orgánicos nunca foron residuos, senón un recurso en forma de abono rico en nutrientes moi valorado para o solo e para os cultivos Tamén as persoas que teñen un composteiro na casa saben que os restos orgánicos transfórmanse en compost sen problemas.
A xente da Mancomunidade de montes da Canicouva (Pontevedra) entende que a planta de compostaxe proxectada é complementaria á xestión forestal. Por unha banda recibirá residuos orgánicos que hai que mesturar co rozado forestal para que o proceso funcione, axudando a” limpeza” do monte. Na planta de compostaxe estes elementos transfórmaranse en compost polo labor das miñocas, obtendo un substrato que servirá de abono para as árbores, enrequecendo o solo e acadando unha produción maior. Así ademais pechamos o ciclo no propio monte, como sempre fixo a natureza.
Unha planta de compostaxe ademais xerará postos de traballo locais, porque aínda que sexa unha tecnoloxía moi sinxela, precísanse técnicos/as, operarios/as e educadores/as ambientais... O único requisito é unha boa separación da materia orgánica en orixe, para o que debemos implicarnos e responsabilizarnos todos e todas coa reciclaxe.
Portanto, á hora de falar dos residuos primeiro cómpre informarse sobre cal vai a ser o tratamento e o destino. Unha incineradora? NON! Un vertedoiro incontrolado? NON! Unha planta de compostaxe? Por suposto! Onde está o problema se só se transforman os restos orgánicos en abono, xerando de paso emprego local?
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal