ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Éxito na xornada ambiental de limpeza submarina...

01-12-2014

Éxito na xornada ambiental de limpeza submarina en San Cibrao (Cervo, Lugo)

Xornada ambiental - Mañá

O pasado sábado 29 de novembro, máis de 100 persoas achegáronse a San Cibrao para a Xornada Ambiental de Limpeza Submarina. ADEGA colaborou nesta xornada Ambiental que foi organizada conxuntamente pola CEMMA e tamén polo C.A.S. Costa Lugo. O obxectivo: realizar unha limpeza con mergulladores/as para eliminar os refugallos que se atopan no fondo mariño da Praia de Cubelas e o Torno e realizar actividades de educación ambiental. En total participaron 40 mergulladores e máis de 60 persoas en terra.

O grupo de mergullo actuou en dúas zonas para levar a cabo a retirada do lixo. O equipo de terra realizou varias actividades de educación ambiental con cativas, cativos, e persoas adultas, comentándolle os impactos do lixo na fauna mariña. Ademais, un grupo de participantes realizou unha limpeza de praia, retirando unha boa cantidade de refugallos plásticos.

Logo dun tempo de mergullo, comezaron a saír os primeiros sacos de lixo, mergulladores e mergulladoras traían a terra o recollido nas profundidades. O lixo recollido foi moi variado: numerosos tubos, botellas, unha tixola, redes, neumáticos, zapatos, bastonciños para os oídos, e outros moitos residuos plásticos. Estes restos traían pegados diferentes crustáceos, moluscos e incluso peixes. Foi a hora de actuar para o equipo de terra, que con moito coidado e paciencia retirou esta fauna adherida.

A fauna recollida colocábase en tanques de auga para a súa observación e identificación, unha actividade máis de educación ambiental. Logo unha vez identificados estes animais foron liberados ao mar.

Pero a xornada trouxo máis sorpresas. O pobo de San Cibrao foi, aló entre os séculos XIII e XVII foi un importante porto baleeiro. As baleas se despezaban na praia para aproveitamento da súa carne e graxa. Logo, os restos destes animais remataban no mar, e dende aquela aínda fican no fondo. Foi así que algúns dos mergulladores atoparon costelas, restos de cráneos  e outras pezas óseas da especie Eubalaena glacialis ou balea vasca que deixou de frecuentar a costa da Mariña no século XVII e actualmente está considerada extinta no Atlántico

Estes restos constitúen un material moi valioso e de grande interese científico, e pasarán a formar parte do Banco de Mostras Históricas que puxo en marcha a CEMMA dentro do proxecto Galicia no lombo da balea II .

VIDEO Galicia no lombo da Balea



Xornada Ambiental - Tarde

Para rematar as xornadas durante a tarde realizáronse diferentes charlas no Museo  Provincial do Mar de San Cibrao ás que acudiron máis de 50 persoas.

Primeiramente José A. Martinez Cedeira, presidente da CEMMA, presentou os resultados de diferentes proxectos e liñas de actuación que leva a cabo esta entidade en Galicia, centrándose no impacto dos residuos mariños sobre as cetáceos e os lobos mariños, e na producción, recollida e xestión dos residuos a bordo dos barcos de pesca. Os participantes puideron observar diferentes imaxes de lixo atopado en estómagos de baleas, cifios e cachalotes, e coñecer os datos da cantidade de animais que cada ano morren debido a mala xestión dos residuos producidos polo ser humano.

A seguir Lucía Parente de ADEGA, presentou a iniciativa de Limpeza de praias que se realiza anualmente en toda Galiza, incidindo unha vez máis sobre a problemática do lixo mariño. Tamén se falou da importancia da custodia do territorio no eido mariño e litoral. Un xeito de conservar o noso patrimonio con iniciativas que involucran á cidadanía.

Julio Vázquez do Centro de Actividade Subacuáticas Costa Lugo  apresentou as actividades da súa entidade coorganizadora nesta xornada e agradeceu a participación das entidades e colaboradores.

Para rematar realizouse un interesante debate onde as  e os asistentes amosaron a súa opinión sobre a problemática do lixo mariño,  a súa orixe, as responsabilidades políticas, as responsabilidades individuais, e propuxéronse opcións de mellora para un futuro con mares libres de plástico.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal