ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA celebra a Semana da Prevención de...

24-11-2014

ADEGA celebra a Semana da Prevención de Residuos... todo o ano!

Do 22 ao 29 de novembro celébrase a semana europea da prevención de residuos. Dende ADEGA traballamos todo o ano con obradoiros, seminarios, congresos e dinamizando novidosos proxectos de compostaxe por todo o país.  Tal é o caso dos obradoiros de sensibilización ambiental promovidos pola planta de tratamento de residuos e compostaxe do Barbanza, que está a acadar os mellores ratios de reciclaxe e recuperación material de Galiza.

Asesoramos e dinamizamos proxectos novidosos para mellorar a recollida selectiva e compostar a materia orgánica a nivel local, como os de Allariz e San Sadurniño, tendo como obxectivo a recollida selectiva dun 80% dos residuos.  
Lembremos que a recollida selectiva de SOGAMA é só dun 9,7%  en total e dun 0,0% de recollida selectiva para a  fracción orgánica, segundo o PXRUG 2010-2020.

Tamén implantamos áreas de compostaxe en hortas comunitarias urbanas e centros de ensino de Carballo e continuamos facendo o seguemento dos programas de compostaxe caseira en múltiples concellos. Nesta semana visitaremos as familias do programa de compostaxe de Pontevedra e Lalín.
Nos proxectos de ADEGA ademais de entregar un composteiro, faise un seguimento no primeiro ciclo, até que obteñen compost. Estas visitas serven para observar o proceso e aclarar dúbidas.

Tamén participamos en seminarios, congresos e xornadas relacionadas coa temática dos residuos. Este mes participamos no 4º seminario de "Composta en Red" presentando os diferentes proxectos e compartindo experiencias. E organizamos unha xornada de traballo en Euskadi onde coñecemos experiencias exitosas de compostaxe comunitaria e reciclaxe dun 80%, que agardamos trasladar a Galiza.

Tampouco esquecemos a organización de limpezas simultáneas de residuos de ríos e praias en toda Galiza, nas que movemos a máis de 1.000 persoas voluntarias e preto de 100 entidades. E esta semana participaremos no Congreso Nacional de Medio Ambiente 2014 en Madrid, presentando os resultados da limpeza simultánea de praias.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal