ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Crónica do seminario ´Composta en Red´ e visita a...

20-11-2014

Crónica do seminario ´Composta en Red´ e visita a iniciativas de xestión de residuos en Euskadi

ADEGA vén de participar no seminario de “Composta en Red”, rede estatal da que facemos parte, para partillarmos experiencias de compostaxe caseira e comunitaria. Desta volta o seminario tivo lugar en Vitoria-Gasteiz (Euskadi) e centrouse en:
- Informar sobre o estado da compostaxe en países del Europa e América Latina
- Presentar a Compostpedia como medio de información e comunicación a través dun traballo colectivo e colaborativo.
- Coñecer os avances da investigación dos procesos e proxectos de compostaxe doméstica e comunitaria.

Entre as comunicacións de proxectos innovadores, María R. Lafuente, vogal de residuos e responsábel dos programas de compostaxe de ADEGA, expuxo as distintas iniciativas nas que participamos na comunicación “Educación ambiental e xestión de residuos”. Eis algunhas delas:

Pontevedra: III edición do programa de compostaxe caseira, na que se inclúe unha visita de comprobación dos resultados dos participantes en anteriores programas para asegurarnos a súa continuidade na utilización do composteiro. Este concello ademais está traballando na construción nunha planta de compostaxe, xunto coa Deputación provincial.
Carballo:
Instalación dunha área de compostaxe no horto comunitario do concello; un programa de compostaxe en tres centros de ensino e edición dunha guía de actividades sobre a compostaxe para escolares.
Lalín
: Programa de 100 composteiros para unha parroquia e unha área de compostaxe comunitaria, ademais dun estudo para comprobar o aforro económico unha vez implantada a compostaxe caseira nun lugar.
Allariz: Convenio de colaboración para o desenvolvemento dun proxecto de recollida separada de residuos orgánicos e a súa compostaxe nun centro de experimentación ambiental.
San Sadurniño
: Programa de 50 composteiros nunha zona rural e recollida porta a porta do resto das fraccións.

Visitas de ´Composta en Red´

O segundo día do seminario tivemos a oportunidade de coñecer diferentes experiencias en Vitoria-Gasteiz e arredores. Visitamos o “anel verde” de Vitoria, un conxunto de parques periurbanos de alto valor ecolóxico e paisaxístico ligados estratexicamente mediante corredores eco-recreativos.

No colexio público Ibaiondo amosáronnos como xestionan o composteiro escolar. Neste proxecto  participa toda a comunidade educativa (nais, pais, profesorado e alunado) e complétase cun horto para pechar o ciclo da materia orgánica. Este proxecto está perfectamente integrado no curriculum escolar.

A ultima visita foi ao concello de Elburgo para coñecer o Biolortu, un horto comunitario e ecolóxico e unha área de compostaxe. Participa toda a veciñanza plantando árbores autóctonas,  verzas, mantendo un galiñeiro, unha charca, hai paneis solares para as farolas do horto e unha área onde depositar os residuos orgánicos

Xornada de traballo e visita aos proxectos de Azpeitia e Hernani

Aproveitando estas xornadas, unha delegación de alcaldes galegos (San Sadurniño, Riotorto e Allariz) convidados polo BNG, participaron nun programa de traballo para coñecer o funcionamento de alternativas sustentábeis ao tratamento de residuos en marcha en diversos concellos bascos. Visitamos unha planta de compostaxe en Azpeitia (Lapatx) que trata os residuos orgánicos de varios municipios de Gipuzkoa é transfórmaos en compost de calidade A (permitido na agricultura ecolóxica). A planta ten capacidade para 3.500 Tn de materia orgánica cunha porcentaxe de impropios do 2 ao 5%. Sen mais tecnoloxía que unha placa de formigón, unha cuberta, volteadora, trituradora e un abridor de bolsas, os residuos orgánicos viran en compost de calidade A.

Para que isto aconteza é preciso unha boa separación en orixe. Quixemos saber como o conseguen e visitamos Hernani, unha vila de 20.000 habitantes cunha taxa de reciclaxe dun 80%. Os residuos orgánicos, sen practicamente impropios, envíanse á planta de compostaxe de Azpeitia. Nesta vila recibiunos o alcalde, Luis Intxauspe e a concelleira de medio ambiente, que nos amosaron como funciona o sistema de recollida “porta a porta”. Nas rúas e portais hai un sistema de colgadores para deixar o lixo nuns caldeiros separados por fraccións, segundo o día. Cada vivenda ten un colgador e un caldeiro identificado cun código, no caso de non deixar o lixo debidamente separado, o caldeiro queda sen recoller. Estes colgadores non estorban e ocupan moito menos espazo que que os cinco contedores tradicionais. Non teñen un impacto visual forte e as áreas están limpas e sen cheiros. En Hernani por normativa municipal, os edificios de nova construción deber ter un cuarto para o lixo e un punto de auga.

Para poñer en marcha este proxecto creouse unha empresa pública de recollida que xerou 17 postos de traballo. Neste concello tamén está implantada a compostaxe comunitaria: todas as persoas que o desexen poden depositar os seus residuos nestas áreas, recibindo unha bonificación do 40%. Un técnico do concello encárgase do mantemento destas áreas.

Mediante estes sistemas conséguense taxas de reciclaxe do 80% e xéranse postos de traballo locais. Estas iniciativas son perfectamente aplicábeis na maioría de concellos galegos se hai vontade política. A outra opción é subir o recibo do lixo á veciñanza e gastar unha parte importante do orzamento municipal en pagar a factura a SOGAMA, para que os recursos de tod@s sexan queimados ou verquidos.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal