ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Por un Plan Director das Rutas Xacobeas que...

12-11-2014

Por un Plan Director das Rutas Xacobeas que priorice o valor histórico-cultural fronte o turístico-comercial

Foro do Camiño Primitivo

O pasado 7 de novembro, o Foro do Camiño primitivo, do que fai parte ADEGA, asistiu a unha xuntanza convocada pola Xerencia do Xacobeo para escoitar aos colectivos defensores dos camiños históricos, con vistas á elaboración do futuro Plan Director dos Camiños a Santiago. A xuntanza estivo presidida polo xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela, e coordinada pola empresa concesionaria Valora consultores, que confeccionará o futuro Plan Director.

Desde o Foro temos que agradecer que por fin se nos convide a un acto oficial destas características e agardamos que este acto servise, non só para xustificar o trámite da participación pública, senón para atender dunha vez por todas as reclamas que desde hai décadas se veñen realizando por todos os colectivos sociais que  piden maior protección dos camiños históricos.

No obstante, a sensación do Foro do Camiño tras esta xuntanza é que a actual Xerencia do Xacobeo segue a reincidir nos vellos erros de fondo, de querer poñer os camiños históricos ao servizo e disposición do comercio e do turismo, desatendendo a esencia mesma das rutas xacobeas, baseada nos seus valores culturais, patrimoniais, históricos ou ambientais, actualmente abandonados á súa sorte.

Con vistas ao deseño do Plan Director dos Camiños a Santiago

Ruta xacobea

O Foro do Camiño Primitivo trasladou ao responsable do Xacobeo a necesidade de que se priorice no deseño do Plan director dos Camiños a Santiago as medidas de recuperación e posta en valor dos elementos patrimoniais e culturais que dan sentido ás rutas xacobeas,  respectando as vías orixinarias e indo máis alá da mera sinalización dunha senda con puntos de hospedaxe para peregrinos. A principal reclama do Foro foi a de que se cumpra coa lexislación vixente que protexe os camiños históricos e que obriga á administración a conservar a súa esencia, recuperar os seus valores e dalos a coñecer aos camiñantes sen alterar a súa configuración orixinal.

Alén desta petición, o Foro e outras entidades alí presentes fixeron as seguintes reclamas á Xunta: que se atendan a todas as sensibilidades ou perfís dos camiñantes; o coidado da contorna dos camiños; o impulso de estudos ou traballos de investigación histórica, etnográfica, sociolóxica ou sobre as necesidades e inquietudes do peregrino; a atención sen exclusión a todos os camiños históricos; á realización dun seguimento exhaustivo dos traballos de mantemento encomendados aos concellos (na maioría, inexistentes ou contraproducentes para a preservación dos seus valores); ou a correcta sinalización dos camiños nos treitos que pasan por Galicia.


Unha das perdas máis recentes dos emblemas do Camiño, á altura de Lugo

Os colectivos defensores dos camiños históricos coincidiron en que estes se poden ver en risco de desaparición se a Xunta segue a sobrevalorar os intereses dos operadores turísticos ou das empresas hoteleiras con obxectivos estritamente lucrativos, fronte o interese xeral. Así mesmo, alentaron á administración a promover unha Mesa de participación pública, conformada polos distintos sectores da sociedade, para redactar o Plan Director dos Camiños Xacobeos.

Cremos preciso destacar a activa participación na reunión das asociacións de máis recente creación que representan os camiños aínda non oficialmente recoñecidos, e que amosaron unha forte vontade de axudar á promoción, información e mellora dos mesmos.

Ao remate da xuntanza, o Foro do Camiño primitivo trasladou por escrito á Xerencia do Xacobeo as súas demandas para que se teñan en conta no proceso de elaboración do Plan Director dos Camiños a Santiago. Podes descargar este escrito a continuación.

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal