ADEGA

Inicio / Novas / Todas / A Xunta mete outra vez as escavadoras na...

10-11-2014

A Xunta mete outra vez as escavadoras na Frouxeira, pasando por riba de seis figuras de protección

Xestión de espazos protexidos a golpe de bulldózer

Escavadora sobre dunas fixas

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza vén de anunciar o comezo dunha nova e irracional alteración da lagoa da Frouxeira (Valdoviño) que culminará, outra volta, co baleirado mecánico do humidal.

De nada serviron as seis figuras de protección que posúe A Frouxeira, os bulldóceres xa están instalados sobre as dunas grises (hábitats prioritarios) e só agardan a orde para iniciar o baleirado artificial da lagoa.

Semella que a Xunta, que no seu momento permitiu a construción dun deficiente paseo litoral emprazado por baixo da cota de inundación ordinaria do humidal, prefire degradar e alterar o equilibrio ecolóxico deste espazo, antes que modificar unha obra impactante que nunca debeu construírse dese xeito.

O raposo, novamente ao coidado das galiñas (e con cartos públicos)

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza executora da apertura, é tamén a promotora dun nefasto e mutilado Plano de Conservación que non achega ningunha solución aos graves problemas que sofre este espazo. No último borrador deste Plano presentado ante a COGAMADES exclúese, por exemplo, a presenza na Frouxeira de hábitats naturais protexidos amplamente distribuídos e recollidos en distintos documentos técnicos. 

No operativo atópase tamén o actual Xefe de Servizo de Conservación da Natureza da Coruña e antigo Subdirector Xeral de Espazos Naturais, Rogelio Fernández, que cesou no seu cargo tras un escandoloso viaxe a Colombia mentres ardían o Monte Pindo e outros singulares espazos naturais. Outra das súas actuacións, o dragado da Ría de Ferrol, levarao o próximo venres 14 de novembro a declarar fronte ao xuíz acusado polo Fiscal de prevaricación, falsidade documental e delicto ambiental.

ADEGA considera que os reponsables políticos da natureza galega deberían xestionar os nosos espazos naturais, e concretamente a lagoa da Frouxeira, con criterios racionais e científicos, cumprindo as leis e evitando a degradación ou destrución dos compoñentes da biodiversidade e da xeodiversidade, e non ao contrario.

Por iso, resulta inconcebíbel que en pleno século XXI as consecuencias dunha mala planificación (a construción do paseo litoral na Frouxeira), tenten resolverse destruíndo un dos humidais máis raros e fráxiles que existen no litoral europeo: as lagoas costeiras. Co diñeiro desbaldido pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza nas distintas actuacións e baleirados anteriores, o paseo xa podería estar reformado evitando ter que meter de novo as máquinas na lagoa.

Perante o inminente inicio do operativo de baleirado anunciado pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza, e ante os probábeis novos danos ao humidal protexido, ADEGA vén de apelar á Fiscalía de Medio Ambiente do TSXG, ao Comité Español de Humidais e á Secretaría da Convención Ramsar.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal