ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Comeza o programa de compostaxe caseira na...

23-10-2014

Comeza o programa de compostaxe caseira na parroquia lalinense de Goiás

Obxectivo: aforro, eficiencia e ecoloxía

Coa primeira charla de presentación, deu comezo o programa piloto de compostaxe caseira que o concello de Lalín vai realizar xunto con ADEGA na parroquia de Goiás.

No acto de presentación pública e a primeira charla formativa, celebrado no centro comunitario de Goiás, estivo presente o alcalde de Lalín Xosé Crespo, o concelleiro de medio ambiente Manuel Fernández, o pedáneo de Goiás Xosé Luis Fernández, e o técnico municipal de medio ambiente Xosé Manuel Méndez. Por parte de ADEGA participaron Fins Eirexas, o secretario executivo da organización e responsábel do programa de Lalín e María R. Lafuente coordenadora dos programas de compostaxe e vogal de residuos de ADEGA.

Por parte de concello de Lalín intervíu o seu alcalde Xosé Crespo para pedir a máxima colaboración dos veciños e veciñas de Goiás neste programa piloto, subliñando a importancia de xestionar adecuadamente os residuos para evitar a contaminación ambiental os enormes gastos que para o concello supón xestionalos através de SOGAMA (arredor de 400.000€ todos os anos).

Cunha correcta separación e coa compostaxe da materia orgánica en cada fogar, e co apoio de ADEGA, os veciños poderían elaborar un compost de altísima calidade no seu fogar e de paso Lalín podería aforrar unha parte moi importante da factura que se lle paga a SOGAMA, mais isto só se pode conquerir coa implicación e a colaboración activa da veciñanza. A experiencia de Goiás, unha vez avaliados os resultados, podería estenderse ao resto do concello coa idea non só de reducir enormemente os custos dun servizo público, senón tamén facer da capital do Deza un referente no tratamento ecolóxico dos residuos urbanos.

A veciñanza, protagonista

Os responsábeis de ADEGA para explicar a problemática dos residuos, insistir nunha correcta separación e describir o proceso da compostaxe, alén de dar resposta ás preguntas e dúbidas dos asistentes. Son precisamente estes, os veciños e veciñas de Goiás, os protagonistas deste programa e a clave do seu éxito.

Nesta primeira fase, serán 100 as vivendas participantes que recibirán un composteiro, un manual de compostaxe e tres visitas dos técnicos de ADEGA repartidas nunc 7 meses para resolver dúbidas e avaliar a boa marcha do proceso. No decurso da charla inicial foton xa repartidos entre os asistentes, que asinaron a folla de compromiso, 40 composteiros e outros tantos manuais. O resto da veciñanza de Goiás que queira colaborar de xeito voluntario neste programa piloto debe poñerse en contacto cos responsábeis do concello. O reparto dos composteiros restantes será por orde de inscrición e os/as solicitantes deben cumprir uns sinxelos requisitos como estar empadroados/as no concello, ter horta ou xardín, acudir ao curso de formación e facilitar as visitas de seguimento á equipa de educación ambiental de ADEGA.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal