ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Crónica do campo de voluntariado na illa de...

15-10-2014

Crónica do campo de voluntariado na illa de Sálvora

O pasado fin de semana 12 persoas participaron no campo de voluntariado ambiental para recuperación de charcas na illa de Sálvora. A actividade foi organizada por ADEGA xunto co Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, dentro das actividades do proxecto Charcas con Vida.

FOTOS DO CAMPO DE VOLUNTARIADO

O venres 10 o grupo de voluntariado deuse cita no peirao de Aguiño dende onde os levaron ata a illa de Sálvora. Ían cargados con todas as provisións para o fin de semana. Desembarcaron na illa recibidos polo vixiante que os levou ata o pazo onde se aloxarían durante a súa estancia. O pazo rehabilitado conta con 4 habitacións e servizos básicos para os voluntarios, unha cociña e unha sala de reunións.

A primeira actividade dentro do programa foi unha charla formativa na que o grupo participante recibiu información sobre as charcas. Falouse sobre a súa importancia, beneficios ecosistémicos e tamén sobre as principais ameazas destes ecosistemas tan singulares. A seguir a sesión formativa centrouse nos programas de seguimento e a súa importancia na conservación da natureza mediante a participación social. O grupo tamén coñeceu máis a fondo as particularidades do proxecto Charcas con Vida e as posibilidades de participación. Por último coñeceron a riqueza dos pequenos humidais da illa e amosáronse os lugares e tarefas a realizar no día seguinte.


O sábado tralo almorzo os participantes dividíronse en dous grupos e partiron con cadanseu monitor aos lugares de traballo. O primeiro grupo traballou na parte oeste da illa escavando unha charca de pequenas dimensións valada para evitar o acceso dos cabalos da illa. Pola súa banda o segundo grupo desprazouse ata a cara este da illa onde realizou tarefas de afondamento nunha charca que poderá ser visitada con fins interpretativos e/ou educativos polas persoas que cheguen a illa. Pola tarde os dous grupos traballaron xuntos nunha terceira charca na que tamén se aumentou a súa profundidade. Estas actuacións enmárcanse no Proxecto de Recuperación de Hábitats para Anfibios que o Parque Nacional desenvolve dende fai varios meses. Durante o sábado tamén se desenvolveron actuacións de eliminación da especie Zantedeschia aethiopica máis coñecida como cala ou cartucho, unha especie exótica que lamentablemente invade a illa de Sálvora e en concreto os espazos máis húmidos como as charcas.

As especies de anfibios beneficiadas grazas a estas actuacións serán o sapiño pinto (Discoglossus galganoi) e o tritón ibérico (Lissotriton boscai). O Parque tamén alberga poboacións de píntega (Salamandra salamandra) pero esta non se atopa na illa de Sálvora.

O domingo a actividade matinal centrouse nunha posta en común das actividades onde o grupo de voluntariado resumiu os traballos realizados o día anterior. Tamén se propuxeron varias medidas de mellora para próximas actuacións de conservación.


A estancia na illa tamén deu tempo para disfrutar das súas marabillosas vistas e sendeiros. Realizáronse avistamentos de aves (contabilizando máis de 30 especies diferentes), identificación de flora invasora, visita ao faro, e incluso os máis valentes tomaron un refrescante baño na Praia.

Estas accións permiten achegar á cidadanía aos espazos naturais de Galicia. Son poucos os lugares e espazos onde o voluntariado ambiental pode participar para achegar o seu traballo e axudar na conservación de especies e de espazos. Con estas actividades o Parque Nacional faise máis visible a accesible, ademais de facilitar ás persoas interesadas a formación, apoio e ferramentas precisas para axudar na conservación do patrimonio de todas e de todos.   

Charcas con Vida é unha iniciativa que conta coa Colaboración da Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal