ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Este domingo 28 mollámonos polos ríos galegos:...

26-09-2014

Este domingo 28 mollámonos polos ríos galegos: VII Limpeza Simultánea

A crecente sensibilización da cidadanía fronte á degradación ambiental ten levado a moitas persoas e entidades a organizar limpezas de ríos. Malia que xa case ninguén contempla o río como un vertedoiro, aínda queda moito lixo neles.

O Proxecto Ríos xa leva organizando dende o 2008 este día de Limpeza Simultánea en numerosos concellos de Galiza. É un día no cal voluntarios e voluntarias saen aos seus ríos para recoller o lixo que atenta contra a riqueza dos nosos ecosistemas fluviais. Miles de quilogramos de refugallos xa foron extraídos de moitos ríos galegos polos centos de voluntarios/as que teñen participado nas limpezas anteriores.

Grazas á colaboración de 43 entidades o pasado ano, estimamos que se retiraron máis de 10 Tn. de lixo de orixe diverso e participaron un total de 499 voluntarias/os de 32 concellos en toda Galicia.
O máis importante é que ano tras ano conseguimos concienciar un pouco máis á sociedade da necesidade de manter limpos os nosos ríos de residuos como premisa para a conservación da súa saúde.

Este ano queremos volver a contar coa vosa axuda para levar a cabo a VII xornada de limpeza simultánea en ríos.
Como en anos anteriores, o Proxecto Ríos entregará aos grupos participantes un protocolo para difundir a limpeza ecolóxica e respectuosa dos ecosistemas fluviais, ademais de editar cartaces divulgativos para cada zona cun teléfono de contacto para que se apunten as persoas que queiran participar e tamén repartiremos as tradicionais camisetas para o voluntariado.


Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal