Inicio / Novas / Educación ambiental / Os escolares de Carballo aprenden a compostar
21-05-2014
Onte, 20 de maioADEGA e o concello de Carballo comezamos un novo programa de educación ambiental cuxo obxectivo é reducir os residuos e aprender a compostar os restos orgánicos. Deste xeito, a partir de agora a horta comunitaria e tres centros de ensino de Carballo implantarán unha área de compostaxe comunitaria para xestionar os restos de comida e vexetais que se xeran nos propios centros, sendo máis sustentables e autónomos na xestión dos residuos.
Os centros escolares adheridos ao programa son o CEIP Gandara- Sofán, CEIP O Fogar e o CEIP Bergantiños. Tanto nos centros escolares como na horta esta semana instalaremos os composteiros e o panel informativo, ademais de entregar material didáctico como o manual de compostaxe e un caderno de actividades ao profesorado que serán os encargados de dirixir este proxecto. Hoxe tivemos a primeira xuntanza para explicar á comunidade educativa (alumnado e profesorado) esta iniciativa, obxectivos, e sobre todo, como separar correctamente e os coidados fundamentais do composteiro. Durante este proceso poderán contar en todo momento co asesoramento técnico de ADEGA.
Como a compostaxe é un proceso natural, e o tempo que tardan os residuos en transformarse en compost é de aproximadamente 6 meses, neste curso implantaremos a área de compostaxe e poderemos observar os resultado no próximo curso. A idea dos centros é ademais aproveitar este compost que é un abono natural para facer unha horta e así pechar o ciclo da materia orgánica no centro, no caso da horta comunitaria o composteiro é o complemento ideal. Este é un proxecto de educación ambiental cuxa finalidade é mudar os hábitos, tanto na redución, como na separación e compostaxe de residuos e integrar a área de compostaxe no curriculum escolar sendo un complemento máis no que colabore o persoal do centro, dos comedores, profesorado e alumnado.
Máis info: María R. Lafuente, 628 37 88 04
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal