ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Máis de 800 voluntarias retiran case 800 kg de...

22-10-2025

Máis de 800 voluntarias retiran case 800 kg de lixo na XIV Limpeza Simultánea de Praias organiza por ADEGA

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) xuntou nesta pasada fin de semana máis de 800 persoas voluntarias para limpar os areais galegos. Case 40 entidades de toda Galiza participaron na XIV Limpeza Simultánea de Praias coordinada cada ano pola asociación.

A pesar da meteoroloxía desfavorable, que provocou que varias limpezas se adiaran, contáronse por centos as persoas voluntarias que sumaron os seus esforzos ao longo do litoral galego para limpar as praias e denunciar a problemática ambiental do lixo mariño. A organización ecoloxista ADEGA calcula que se retiraron case 800 quilogramos de lixo nesta decimoterceira edición da Limpeza Simultánea de Praias. Na actividade participaron centros de ensino, asociacións, escolas de surf, colectivos e particulares de todo o territorio galego que traballaron de xeito organizado en 22 concellos da costa.

Caracterización do lixo retirado

De entre o lixo retirado, tiveron moita presenza as cabichas, os paus dos ouvido, as toalliñas e produtos de hixiene e, como vén sendo habitual, restos plásticos. Ademais, adoitan aparecer residuos menos convencionais como calzado, traxes de baño, tubos, colchóns, rodas, portas....

Con este tipo de accións, ADEGA pretende poñer o foco sobre a problemática dos residuos nos nosos areais despois da tempada turística, así como na importancia de conservar a nosas praias libres de lixo para evitar que este acabe no mar. Ademais, ADEGA incide en que as limpezas de praias non deben de ser feitos illados e en que voluntariado ambiental non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración. Ao tempo, convida a calquera persoa a recoller o lixo do noso litoral sempre que poida e de xeito manual, con respecto polos ecosistemas dunares e con especial coidado coa fauna e flora que neles habita.

ADEGA agradece enormemente a participación de todas as persoas que colaboraron a xornada e participaron como voluntarias en todas as limpezas.

Concellos colaboradores

Esta actividade está financiada polos concellos de Ares, Cambados, Cangas, Fene, Muros, Nigrán, O Grove e Poio.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal